A Xunta pon a ampliación do IES Aquis de Caldas como exemplo da aposta da Xunta por un ensino público moderno, eficiente e preparado para o futuro

Redacción
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asisti á inauguración das obras do IES Plurilingüe Aquis Celenis. IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), 04/06/26.

A Xunta de Galicia pon a ampliación e rehabilitación integral do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis como exemplo do compromiso do Goberno galego cun sistema educativo público moderno, accesible e adaptado ás necesidades reais do persoal docente, non docente e alumnado.

Durante o acto de inauguración destas melloras, ao que asistiron o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ambos subliñaron que esta actuación supuxo un investimento de case 6 millóns de euros, o que a converte na obra de ampliación de maior envergadura que se acometeu nun centro de ensino en Galicia na actualidade.

A modernización deste edificio —que conta con case 40 anos de antigüidade— era unha prioridade absoluta para a Xunta, non só para incrementar o número de prazas e dar máis oportunidades á mocidade da zona, senón para garantir un espazo cómodo, seguro e eficiente. Nesa liña, o proxecto está pensado fundamentalmente para as persoas, en concreto para os 39 docentes, os nove profesionais non docentes e os case 350 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato que fan vida nestas aulas.

Así, os traballos supuxeron ampliar en 2.000 m² a superficie e favoreceron a creación de 34 aulas novas, entre outro equipamento, e a adaptación do centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes maiores. Así mesmo, construíronse un novo ximnasio e vestiarios, acometeuse o cambio de 3.059 m² de cuberta, 282 carpinterías, máis de 1.000 luminarias por LED e establecéronse máis de 4.200 m² de falsos teitos acústicos, todo co obxectivo de gañar en eficiencia enerxética.

Plan de nova arquitectura pedagóxica

Esta intervención insírese no Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta, cuxo obxectivo pasa por renovar os centros educativos de Galicia para transformalos en espazos máis confortables, accesibles, abertos á innovación e respectuosos co medio ambiente.

Grazas a este plan, que botou a andar no 2021, xa se desenvolveron unhas 3.000 actuacións de mellora en centros de toda Galicia cun investimento de 331 M€. De feito,  o Executivo autonómico está a desenvolver outras actuacións no concello de Caldas no eido educativo, como a rehabilitación integral do Colexio San Clemente de Cesar ou a recente ampliación do comedor do CPI Plurilingüe Alfonso VII para duplicar a súa capacidade.

Así mesmo, o Goberno galego xestiona arredor de 1.600 edificios educativos da comunidade, moitos deles cunha antigüidade elevada. Por este motivo, a Administración autonómica demandou en reiteradas ocasións ao Goberno central —e coa aprobación do Parlamento de Galicia— que se poña en marcha un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas e se aprobe unha redución do IVE para este tipo de obras.

Comparte este artigo