— Ángeles Vázquez subliña que é a primeira vez que este municipio pontevedrés logra este recoñecemento
— A Bandeira Verde de Galicia outorga visibilidade aos municipios como territorios comprometidos co impulso de boas prácticas para ordenar o territorio, afrontar o cambio climático, xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia
A Xunta salienta que a Bandeira Verde de Galicia pon en valor a aposta do Concello de Silleda pola protección da paisaxe e do medio ambiente.
Durante o acto deste distintivo na casa consistorial, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou que é a primeira vez que este municipio pontevedrés logra este recoñecemento ao seu compromiso coa conservación ambiental e paisaxística.
Máis polo miúdo, a conselleira explicou que o concello presentou na súa candidatura sete accións que xa están en execución. Entre elas, destacou a elaboración do Plan estratéxico de localización e implementación dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030 e do Plan de acción polo clima e a enerxía sostible (PACES).
A maiores, o municipio tamén está a desenvolver o Plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca, o Plan de mobilidade urbana sostible e unha rede de calor con biomasa para a subministración de calefacción e/ou auga quente sanitaria en distintas instalacións co obxectivo de contribuír á diminución do quecemento global mediante a redución das emisións de dióxido de carbono (CO2).
Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, a Bandeira Verde de Galicia ten unha grande importancia pola visibilidade que lles outorga os municipios como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
De feito, cada vez son máis os concellos que acadan este recoñecemento. Así, en 2024 o Goberno galego concedeu 24 galardóns -un 33% máis que no ano 2023-, dos que 11 conseguiron este distintivo por primeira vez.
Para concluír, a conselleira animou aos concellos a optar a este recoñecemento na próxima convocatoria e engadiu que a súa concesión supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.