• SERÁ EN DÚAS XORNADAS ORGANIZADAS POLO CAMPUS TERRA DE LUGO E A ASOCIACIÓN AGRARIA DE GALICIA (ASAGA)
• ESTA V FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA CELEBRARASE DO 20 AO 22 DE FEBREIRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebrará do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, deseñou un interesante programa de xornadas dirixidas aos profesionais do sector agropecuario.
Entre elas, o venres 21 de febreiro, está programado un encontro sobre distribución sostible de xurro, organizado polo Campus Terra de Lugo. Durante o seu transcurso un representante da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia falará sobre o caderno dixital de explotación agrícola e as aplicacións de fertilizantes, para logo dar paso a unha mesa redonda onde as empresas Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz y Valín e Durán Maquinaria achegarán a súa visión sobre o estado actual do mercado de tanques distribuidores de xurro e o impacto sobre o mesmo das últimas regulacións.
A continuación, presentaranse dous innovadores proxectos dos grupos operativos PurínPreciso e Agrolab-Biogal, os cales se centran na incorporación de sensores que miden o contido de nutrientes do xurro nos tanques distribuidores durante a realización da aplicación. O primeiro deles será exposto por parte de representantes da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) e do grupo de investigación BioModem (Modernización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas), do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, mentres que o segundo será a cargo de Medrar Innovation Office e BioModem.
A xornada finalizará cun relatorio centrado na distribución e análise do xurro en Alemaña de man da investigadora Diana Andrade, do Centro de Investigación Agraria de Baviera (LfL)
Proxecto Sat4Carbón
Tamén o 21 de febreiro Abanca Cimag-GandAgro acollerá unha xornada informativa sobre o Proxecto Sat4Carbón, organizada pola Asociación Agraria de Galicia (Asaga) coa participación de Francisco Bello, presidente desta entidade, e Daniel Reinoso, do departamento de Xeoloxía, Xeografía e Medioambiente da Universidade de Alcalá.
Este innovador proxecto pretende desenvolver unha metodoloxía para estimar a fixación do carbono por teledetección en sistemas de silvopastoreo a escala local, para o que é necesario cuantificar a fixación do carbono por parte da vexetación e o efecto tanto das perturbacións (incendios e retirada da biomasa) como dos cambios de uso do chan. Propón adaptar a proposta do programa Copernicus, que actualmente proporciona estes datos a través do satélite Sentinel 3 (300 metros de resolución) aos datos Sentinel 2 (20m) o que permitirá obter datos a escala local.
Galicia, Asturias e Cantabria son as zonas piloto deste proxecto, que ten catro obxectivos específicos. O primeiro deles é contar con información do stock e fluxo de carbono anual na biomasa e o chan a escala local, o segundo mellorar as prácticas silvopastorais para incrementar a absorción de carbono, o terceiro dispoñer de información para a valorización económica dos stock e fluxos de carbono a través da comercialización no mercado voluntario e o cuarto mellorar o coñecemento sobre as técnicas para medir fluxos de carbono por teledetección e informar dos resultados.