• O 25 de marzo terá lugar a visita guiada á Cidade Europea do Viño organizada polo Concello do Porriño
• Poderán participar as/os veciñas/os do Porriño maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 55 anos
A concellería da Terceira Idade do Concello do Porriño, que dirixe Rosario Costas, organiza unha excursión a Cambados para os maiores do municipio o próximo 25 de marzo.
Os participantes disfrutarán dunha xornada repleta de actividades. Ás 9 h partirán cada Cambados, Cidade Europea do Viño, onde percorrerán as súas rúas, consideradas un auténtico museo ao aire libre ao ser un dos conxuntos históricos mellor conservados de Galicia. Destaca a praza de Fefiñáns, onde terán a ocasión de coñecer o Pazo e degustar os seus viños. Tamén visitarán o Museo Etnográfico do viño, para coñecer un pouco máis as características dos seus caldos. O almorzo está incluído e xa pola tarde visitarán as ruínas de Santa Mariña do Dozo e o Muíño de Mareas de A Seca. Terán tamén un ratiño de tempo libre para disfrutar da cidade pola súa conta antes de regresar ao Porriño, que será arredor das 20 h.
A actividade está dirixida a persoas maiores de 65 ou maiores de 55 anos que acrediten ter unha discapacidade e será preciso que estean empadroadas no Porriño.
A inscrición está aberta e pode formalizarse ata o 22 de marzo no Rexistro do Concello do Porriño ou a través da sede electrónica. É unha actividade gratuíta e con prazas limitadas que se cubrirán por orde de inscrición.



