HomePontevedraBaixo MiñoAberta a votación popular para escoller ás e aos mellores deportistas do...

Aberta a votación popular para escoller ás e aos mellores deportistas do 2025

- Anuncio -spot_img

O Concello xa ten na web o formulario para elixir mellor deportista absoluta feminina e masculino e mellor evento deportivo na IX Gala do Deporte 2026

O esforzo, a constancia e os éxitos deportivos que marcaron o ano 2025 en Tomiño teñen agora unha nova meta: o recoñecemento da veciñanza. O Concello vén de abrir a votación popular para escoller ás e aos mellores deportistas do 2025, un proceso participativo que permitirá á cidadanía formar parte activa da IX Gala do Deporte, que se celebrará o sábado 7 de febreiro no Auditorio de Goián ás 20.30 horas.

A través dunha enquisa en liña, as persoas interesadas poden votar polas súas candidaturas favoritas nas categorías de Mellor Deportista Feminina Absoluta, Mellor Deportista Masculino Absoluto e Mellor Evento Deportivo. Os resultados finais dos galardóns obteranse tendo en conta o 30% do voto popular e o 70% do voto do xurado.

A votación permanecerá aberta ata o luns 2 de febreiro. Cada persoa poderá cubrir a enquisa unha única vez, sendo necesario introducir o DNI para evitar votos duplicados. No caso das categorías de deportistas poderanse seleccionar ata tres candidaturas, mentres que na categoría de evento deportivo só se poderá escoller unha opción.

Entre as candidaturas a Mellor Evento Deportivo 2025 figuran citas tan destacadas como a II San Silvestre Tomiñesa, a II BTT Transfronteiriza, a IV BTT Terras de Tomiño e Florentiña, a velada de boxeo ‘A Lenda continúa’, o Rallymix Serra do Argallo-Figueiró, a II Gladiator Junior da Eurocidade Cerveira-Tomiño, o II Torneo ‘O camiño de Pablo Durán’ e o III Torneo de Petanca Concello de Tomiño.

Pola súa banda, as listas de deportistas femininas e masculinos absolutos recollen nomes ligados a disciplinas tan diversas como piragüismo, BTT, paracanoe, boxeo, fútbol, tiro con arco, tiro ao voo, bolos celtas, ciclismo, patinaxe artística, boxeo, judo, taekwondo ou remo.

Publicacións Relacionadas