HomeVigoO PorriñoAberto o prazo de inscrición para o Campamento de Semana Santa no...

Aberto o prazo de inscrición para o Campamento de Semana Santa no Porriño

- Anuncio -spot_img
  • A actividade contará con 50 prazas e desenvolverase en instalacións municipais os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para participar no Campamento de Semana Santa, unha iniciativa que se desenvolve seguindo a liña de actuación do V Plan de Igualdade de Oportunidades e que ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal das familias do municipio.

A través desta proposta, o goberno municipal ofrece ás familias un espazo seguro, educativo e lúdico no que os nenos e nenas poderán compartir tempo cos seus iguais e participar en diferentes dinámicas e actividades durante as súas vacacións escolares, mentres as súas nais, pais ou titores cumpren coas súas responsabilidades.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que este tipo de iniciativas responden á vontade do Concello de apoiar ás familias nos períodos non lectivos. “Desde o Concello seguimos apostando por actividades que axuden á conciliación e que ao mesmo tempo permitan que os máis pequenos e pequenas disfruten dun tempo de ocio educativo, compartindo experiencias e aprendizaxes nun entorno seguro”, sinalou.

O campamento desenvolverase en instalacións municipais, sendo o lugar de entrega e recollida o CEIP Xosé Fernández López, en horario de 8:30 a 14:30 horas, os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril. O aforo estará limitado a 50 participantes e a actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, tendo prioridade aqueles que estean empadroados no Porriño.

A concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, explicou que esta iniciativa forma parte da estratexia municipal para impulsar políticas de igualdade e apoio ás familias. “Este campamento está pensado para ofrecer ás familias un recurso útil durante as vacacións escolares e, ao mesmo tempo, para que os nenos e nenas poidan disfrutar de actividades dinámicas, creativas e de convivencia co resto dos participantes”, indicou.

O prazo de inscrición abrirase o venres 13 de marzo ás 9:00 horas e pecharase o venres 20 ás 9:00 horas, podendo realizarse tanto de maneira presencial a través do Rexistro municipal como mediante a sede electrónica do Concello.

As persoas interesadas deberán cubrir a folla de inscrición oficial, debidamente asinada, e achegar a documentación obrigatoria. No caso de existir algunha circunstancia excepcional, tamén deberán presentar a documentación correspondente que aparece debidamente descrita na propia folla de inscrición. O formulario estará dispoñible na páxina web municipal ou poderá recollerse presencialmente no Rexistro do Concello.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño continúa reforzando o seu compromiso coas familias do municipio, promovendo actividades que favorecen a conciliación e ofrecen aos máis pequenos e pequenas alternativas de lecer educativo durante os períodos non lectivos.

Publicacións Relacionadas