• A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), lembra que as anotacións poderán realizarse ata o mércores 15 e febreiro, salvo no caso de parellas e individuais, que tamén poderán anotarse ‘in situ’ o propio día do desfile, domingo 19, entre as 15.30 e as 16.00 horas
• Habilítase unha exposición de imaxes de diferentes edicións pasadas do Entroido en locais municipais como o Consistorio, a Casa Rosada, o Centro Cultural Xaime Illa ou o Local Social de Campelo
A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que desde este luns xa está aberto o prazo de inscrición para poder anotarse no concurso de disfraces do Desfile de Entroido 2023. As anotacións poderán realizarse ata o vindeiro mércores 15 de febreiro. Cómpre lembrar que o Concello de Poio ofrecerá máis de 6.500 euros en premios, a través das diferentes categorías. Como xa é tradición, haberá premios tanto para adultos (a partir de 15 anos) como infantil (ata 14 anos), distribuídos para recoñecer ao mellor deseño individual, por parellas e por grupos. A maiores, tamén haberá galardóns especiais para choqueiro e animación.
Con respecto á tramitación, a edil de Cultura lembra que as inscricións dos grupos deberán levarse a cabo a través da Sede Electrónica do Concello, mentres que as parellas e individuais teñen a opción telemática ou ben presentando a documentación no Rexistro Xeral, en horario de 8.30 a 14.30, de luns a venres. Tamén será posible anotarse ‘in situ’ o propio domingo 19 na Praza da Granxa de Campelo, desde onde partirá o desfile ata A Seca, entre as 15.30 e as 16.00 horas.
O Espíritu do Nadal xa se vive desde estas datas en Poio, grazas á apertura da exposición de imaxes correspondentes a outras edicións do Entroido. Unha mostra que consta de varios paneis, repartidos entre diferentes locais municipais, como a propia Casa Consistorial, o Local Social de Campelo, o Centro Cultural Xaime Illa ou a Casa Rosada.
Ademais, nas redes sociais do Concello tamén se vivirá intensamente esta festa, a través de publicacións de imaxes e vídeos doutras edicións. Tal e como explica Raquel Rodríguez, parte deste material corresponde ás iniciativas telemáticas e alternativas que se levaron a cabo tanto en 2021 como en 2022, anos nos que o Entroido non puido desenvolverse con normalidade por mor da pandemia da COVID-19. “Foron dúas edicións nas que fomos quen de manter vivo o espírito do Entroido, grazas tamén a colaboración e implicación do tecido asociativo”, sinala a responsable de Cultura.
Obradoiros, concursos e festas infantís completan a programación, na que tamén serán protagonistas os enterros do Mexillón de Combarro (24 de febreiro), do Berberecho de Lourido (26 de febreiro), do Galo Fodorico Agusto Bastante (4 de marzo) e do Galo Bruxo de Samieira (18 de marzo). O programa pode consultarse na páxina web do Concello de Poio.



