Aberto o prazo para a solicitde de axudas para a compra de material escolar para nenos e nenas de familias en situación de difilcutade económica

adminON
Lectura mínima de 3

O Concello destina 3.500 euros, cun máximo de 140 euros por  alumno ou alumna, co obxectivo de permitir que estes núcleos  familiares poidan afrontar os custos derivados do desenvolvemento  do curso lectivo 2024-205 

As solicitudes poderán realizarse ata o vindeiro 30 de setembro, tal  e como lembra o alcalde, Manuel Campos 

O Concello de Cuntis informa de que xa está  aberto o prazo para a presentación de solicitudes para optar ás axudas que a  Administración municipal ofrece, a través do departamento de Servizos Sociais,  para familias en situación de dificultade socio-económica con fillos e fillas  matriculados na 2ª etapa de Educación Infantil (de 3 a 5 anos) para adquisición  de material escolar. Tal e como se establece nas bases, o Goberno local destina  un total de 3.500 euros, a través do Fondo de Emerxencia Social. Cada alumno  ou alumna pode obtar a un máximo de 140 euros de axuda, unha contía que se  destina para poder afrontar os custos derivados do desenvolvemento do curso  lectivo, que implica a adquisición de diverso material, como mochilas, calzadou  ou roupa deportiva para Educación Física, entre outras.

Á hora de poder optar a esta liña de axudas, será necesario cumprir cunha serie  de requisitos. A unidade familiar da que parta a solicitude deberá estar  empadroada ou contar con residencia efectiva en Cuntis. Ademais, deberá estar  realizada a matriculación dos nenos e nenas para as cales se solicita a achega  no CPI Aurelio Marcelino Rey García para o curso 2024-2025. Os cativos e  cativas que aspiren á axuda deberán convivir na mesma unidade familiar, que  non poderá superar os límites económicos que se establecen nas bases. O prazo  para a presentación das solicitudes permanecerá operativo ata o vindeiro 30 de  setembro, inclusive. A documentación pódese solicitar no Consistorio ou obtela  a través da Sede Electrónica, na páxina web do Concello. Ademais, existe a  opción de poñerse en contacto coa Administración local a través do número de  teléfono 986185468 para a resolución de dúbidas e a obtención de máis  información. 

O alcalde, Manuel Campos, sinala a importancia de manter esta liña de axudas,  para poder botar unha man a aquelas familias que contan con menos recursos  económicos ou que se atopan nunha situación de exclusión social. “A adquisición  de material escolar supón un dos custes máis importantes para as familias, polo  que é importante que aquelas unidades familiares que non dispoñan de recursos  poidan contar con esta axuda”, explicou o rexedor.

Comparte este artigo