A concellería de Comercio do Concello de Ponteareas informa que abre o prazo de inscrición para participar no Concurso de Escaparates de Nadal. Ata o día 8 ás 23:59 horas os establecementos interesados poderán inscribirse nas oficinas da concellería de Comercio, no correo electrónico da asociación comercial Banastra ( ponteareascomercial@yahoo.es ), no correo da asociación comerciantes Tea ou no seu número de teléfono (648 43 98 16 as.c.tea@gmail.com) ou a través do correo electrónico da concellería ( comercio@ponteareas.gal ) indicando no asunto o “Concurso de Escaparates 2024”.
Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar o comercio local e contribuír a ambientar as rúas, “creando un percorrido festivo que convide ao paseo e ofreza un escenario alegre, proxectando todas e todos xuntos unha imaxe homoxénea”, explica Ricardo González, concelleiro de Comercio.
O xurado valorará os motivos de Nadal e nacementos; a forma de presentación dos produtos e composición e o cumprimento das regras que a Concellería estima indispensables “menos é máis, unidade (harmonía segundo cor, materiais…), visibilidade, limpeza e orixinalidade”.
O Concello entregará un primeiro premio consistente nun vale “Hotel + Cea + Experiencia Termal” no complexo do Balneario de Mondariz e un 2° e 3° premio: Sesión SPA + Masaxe, tamén no Balneario de Mondariz.
O período de exposición dos escaparates participantes será obrigatorio dende o 12 de decembro de 2024 ata o 7 de xaneiro de 2025 e a cerimonia de entrega de premios terá lugar o 23 de decembro de 2024.