Aberto o prazo para presentar de proxectos para Noites Abertas 2025

adminON
Lectura mínima de 3

O concelleiro Demetrio Gómez anunciou esta mañá que as Noites Abertas 2025 comezarán o vindeiro 31 de xaneiro e rematarán o 29 de marzo.

As persoas, entidades ou empresas interesadas en presentar os seus proxectos para o programa de lecer da mocidade poderán facelo até o vindeiro 30 de outubro.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou esta mañá a convocatoria para presentar proxectos para Noites Abertas 2025. O prazo comeza hoxe mesmo e rematará o vindeiro 30 de outubro. Tamén anunciou que a 26 edición das Noites Abertas comezará o vindeiro 31 de xaneiro de 2025 e rematará o 29 de marzo.

Esta convocatoria vai dirixida a asociacións, empresas, profesionais autónomos/as… que traballen no eido da xuventude.
As características das actividades que se desenvolverán na 26 edición de Noites Abertas son:

• Actividades de fin de semana (venres e sábados)
• Interiores e exteriores. Preferencia actividades interiores debido á climatoloxía
• Inscrición só para algunhas das actividades exteriores que requiran desprazamentos
• Diversas, accesibles, gratuítas e plurais. É un programa para todos os gustos e onde todas as temáticas teñen cabida.

Os proxectos que se presenten teñen que ter en conta a poboación á que está destinada: mocidade entre os 12 e os 30 anos. Todo o rango de idades ou algún tramo concreto. O número de sesións que se poden proponer serán de unha a catro, e a duración das sesións será de 2 horas máximo e 1 hora mínimo.

Os espazos de celebración serán: CEIP Froebel, Casa Azul, Local de Música, Pavillón Multiusos, Campos de Herba sintética da Xunqueira e prazas da cidade. E os horarios serán entre as 20:00 e as 00:00 horas.

Rematado o prazo, a coordinación do programa Noites Abertas seleccionará as propostas de actividades en función dos criterios establecidos. A comunicación dos proxectos seleccionados realizarase a partir do mes de novembro de 2024.
Os criterios para selección de propostas son os seguintes:

  • Interese para a mocidade Teranse en conta as avaliacións doutras edicións para valorar o interese das actividades propostas.
  • Actividades de lecer educativo Construtivas, lúdicas e participativas; que teñan que ver coa promoción da igualdade, da cultura galega, da saúde, a interculturalidade, arte, música, gastronomía, xogos, medioambiente…
  • Viabilidade e inclusión que se adapten a unha participación activa e inclusiva
  • Actividades interesantes para a xente nova
    O formulario para presentar as propostas atópase en noitesabertas.gal
Comparte este artigo