• A edil de Patrimonio, Marga Caldas (BNG), informa de que o período para a tramitación destas achegas permanecerá operativo ata o 5 de abril e que a documentación está dispoñible na Sede Electrónica do Concello, así como na páxina da ARI, na web municipal
A concelleira de Patrimonio, a nacionalista Marga Caldas, lembra que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para rehabilitación en inmobles e vivendas que formen parte da Área de Rehabilitación de Combarro (ARI), correspondentes á segunda convocatoria da súa novena fase. Trátase dunha liña de subvencións que chegan a través da Xunta de Galicia e do Goberno central e que están destinadas a cubrir custes de obras e traballos de mantemento neste tipo de infraestruturas. A contía máxima non poderá exceder o 50% do custe subvencionable da actuación, ata un tope de 25.000 euros por vivenda.
Tal e como explica Marga Caldas, o período para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 5 de abril, logo de que as bases das devanditas axudas fosen publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo). Asemade, tamén poden seren consultadas na Sede Electrónica do Concello de Poio. A Administración local tamén dispón na súa páxina web (www.concellopoio.gal) dun espazo específico sobre o ARI, no que é posible descargarse a documentación necesaria para estas tramitacións, así como para consultar as bases e resolver outras dúbidas. Así mesmo, tamén é posible solicitar asesoramento chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1241) ou enviando un correo electrónico á dirección ari_combarro@concellopoio.gal. A oficina do ARI tamén dispón de horario de atención ao público, de luns a venres de 9.00 a 14.30 horas (e mércores de 17.00 a 20.00 horas, neste caso con cita previa).
Estímase que a contía total que chega a Poio a través destas liñas ronda os 180.000 euros aproximadamente. O obxectivo é facilitar e impulsar obras en inmobles e equipamentos, así como tarefas de conservación ou de mellora da seguridade “neste eido tan particular como é o núcleo histórico da parroquia de Combarro”, apunta a titular de Patrimonio. En total, os fondos ascenden a preto de 150.000 euros por parte do Goberno central, aos que hai que sumar outros 36.528 que proveñen do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Xunta de Galicia.



