O Concello pon en marcha este mes un ciclo no que concertos e literatura irán da man
Comezará esta fin de semana coa actuación de Terrae para público adulto o sábado 11 e de Priscila e o seu ‘Lembra Xabarín’ para público familiar o domingo 12
A música e os libros convértense este mes nos grandes protagonistas en Tomiño. Co gallo do 23 de abril, Día Mundial do Libro, o Concello lanza un ciclo especial cun interesante programa que combina catro concertos, dous para público infantil e familiar e outros dous para público adulto, pensados para achegar a literatura á música en directo e ofrecer experiencias únicas ao público.
Como destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “queremos que a música e a lectura camiñen da man, fomentando a creatividade, a imaxinación e o pracer de compartir momentos culturais en familia ou coas amizades tamén en galego. Estes concertos son unha oportunidade para gozar, descubrir e aprender ao mesmo tempo”.
O ciclo inaugúrase este sábado 11 de abril ás 21.00 h co concerto no auditorio de Goián do dúo galego Terrae, cun espectáculo de música alternativa cheo de ritmo e moi bo ambiente pensado para público adulto. Unha oportunidade para desfrutar da música de raíz e electrónica, arte e conciencia nun espazo onde a imaxinación e o compromiso se unen nunha experiencia única. A entrada, que terá un custo de 7 euros para persoas adultas e de 3,5 euros para menores de 12 anos, estarán á venda dende unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes, con pago en efectivo.
Xa o domingo 12, Priscila ofrecerá o concerto familiar “Lembra Xabarín”, que transportará pais, nais e cativada aos anos 80 e 90 con rock and roll e punk en galego inspirado nos debuxos animados do Xabarín. A entrada, que terá un custo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos, estarán á venda dende unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes, con pago en efectivo.
O programa continuará o sábado 18 de abril co Concerto do Socio da Agrupación Musical de Goián, seguida o domingo 19 do espectáculo “Rock ‘N’ Magic” do Mago Teto, un concerto de rock and roll que mestura maxia, guitarra e batería para crear unha experiencia lúdica e sorprendente.
O Concello anima a toda a veciñanza a desfrutar de todos estes concertos que propoñen unha chiscadela á lectura e ao mundo dos libros, demostrando que a cultura pode ser divertida, inclusiva e transformadora. “Este ciclo é un exemplo de como podemos achegar a cultura a todas as idades, celebrando a nosa lingua, a música e a imaxinación dun xeito lúdico e participativo”, recalca a rexedora.

