• O proceso de humanización permite habilitar estacionamentos para vehículos contribuíndo deste xeito a favorecer o acceso á vila
O Concello de Cerdedo-Cotobade remata a sinalización horizontal do vial de acceso habilitado entre a N-541 e a Praza do Concello, en Cerdedo, no que a administración local investiu en todo o proceso uns 100.000 euros para favorecer a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza.
Estes traballos acometidos polo Concello permiten tamén delimitar estacionamentos para vehículos na zona co que se garante o acceso das persoas a realizar compras en establecementos comerciais da vila así como xestións nas oficinas municipais de Cerdedo. Ademais, pintáronse sinais de seguridade vial para favorecer unha maior identificación por parte dos conductores na súa incorporación á N-541.
Tanto o alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, como a veciñanza valoraron moi positivamente o resultado destas actuacións e “demostran que a apertura deste vial foi un acerto xa que se mellora substancialmente a imaxe urbana desta zona ao tempo que tamén se gaña un espazo para a veciñanza moi importante”, dixo Cubela.
O Concello investiu máis de 100.000 euros en todo o proceso de apertura deste vial no que se tivo que chegar a un acordo cos propietarios de dous galpóns alí esistentes, así como reformar o espazo, asfaltar o novo acceso e agora procedeuse a adecentar os muros, realizar un pintado horizontal e colocar mobiliario urbano para facilitar o disfrute por parte da veciñanza deste novo espazo de convivencia veciñal.
Esta actuación fora un dos compromisos adquiridos polo equipo de goberno diante da veciñanza que agora se está executando e que virá a favorecer a accesibilidade á Prazo do Concello, en Cerdedo, desde a estrada nacional N-541 e permitirá tamén que este espazo gañe en imaxe e comodidade para os residentes na zona.