Este mediodía tivo lugar no salón de plenos da casa do concello de Tui a entrega dos premios do Concurso Escolar de debuxo da Postal de Nadal 2025 conmemorativa do 800 aniversario da Consagración da Catedral de Tui.
Adrián de Sousa Martín, alumno de 6º curso de EP do CEIP Plurilingüe de Pazos de Reis, foi gañador deste concurso. O xurado recoñeceu na obra deste rapaz de once anos de idade unha boa capacidade técnica na representación da imaxe máis significativa da nosa cidade como é a catedral de Santa María que celebra neste ano os oitocentos anos da súa consagración e que segundo as bases deste certame debería ser o motivo central deste debuxo
O segundo premio recaeu en Eduardo Rios González, do Colexio “Santa María” Maristas de 6º curso de E.P. e o terceiro premio correspondeu a Sara Montes Vaz de 4º curso de E.P. tamén do CEIP de Pazos de Reis.
Os premios consisten nun lote de material de debuxo e material educativo para cada un dos galardoados, xunto o diploma acreditativo.
Neste concurso participaron máis de 120 alumnos de seis centros educativos o Ceip de Pazos de Reis, Ceip de Randufe, Ceip de Caldelas, Ceip de Guillarei, Ceip de Rebordáns e Colexio Santa María – Maristas, presentando cada centro unha escolma de doce postais para a valoración do xurado.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinalou que resulta unha satisfacción a continuidade deste concurso de debuxo escolar que promove a capacidade creativa dos nenos e nenas tudenses con motivo das festas de Nadal e que as súas obras sexan dende hai cinco anos a imaxe representativa da felicitación do Concello de Tui. Esta Sonsoles Vicente que esta é unha iniciativa máis máis no traballo que se realiza dende o Concello tudense para lograr o seu recoñecemento como “Cidade Amiga da Infancia”. Precisamente este ano entre os membros do xurado estiveron representantes do grupo de participación infantil e xuvenil ParTUIcipando. A concelleira agradece especialmente a colaboración dos centros escolares participantes neste concurso que incentiva e premia a creatividade do alumnado tudense.



