González Prado, ‘Gonza’, natural de Noalla e de 27 anos, márcase coma obxectivo continuar reforzando a militancia, especialmente entre a mocidade, e incrementar o número de simpatizantes, consolidando unha base que permita ao Bloque continuar medrando
Albino Caneda, un histórico do grupo municipal, pasa a ser vicerresponsable, dentro dun equipo de traballo que salienta o labor feito no que vai de mandato, cunha oposición “firme e fiscalizadora” contra as políticas de formigón e de recadación de Telmo Martín, e tendo sempre en conta as inquedanzas e necesidades da veciñanza
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo vén de renovar o seu Consello Local. Adrián González Prado, ‘Gonza’ (tal e como é coñecido entre a mocidade da vila), veciño da parroquia de Noalla e de 27 anos de idade, foi elixido máximo responsable do grupo nacionalista a pasada fin de semana. Ademais, un histórico do Bloque sanxenxino, peza capital na estrutura do partido nas últimas décadas, como é Albino Caneda, pasa a ser vicerresponsable.
Graduado en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela e especializado en Dereito Laboral, Adrián González ten claros os obxectivos do BNG a curto, medio e longo prazo. Unha das primeiras metas será “continuar co traballo de grupo e coa boa dinámica que vimos mantendo desde o inicio do mandato”, ao tempo que incide tamén na importancia de seguir reforzando a militancia e aumentando o número de simpatizantes, especialmente entre a mocidade. “Sabemos que entre a veciñanza de Sanxenxo latexa un sentimento nacionalista que xa se deixou entrever nas últimas eleccións municipais de 2023, cando fomos quen de recuperar un concelleiro”, recorda González, que, de cara ao futuro, recoñece que as miras están postas nos comicios de 2027. “Temos claro que somos unha alternativa
real. Aválanos o labor que estamos a facer, en contacto directo coa veciñanza e co tecido asociativo de Sanxenxo, para estar pendentes das súas inquedanzas e necesidades”, explicou. Unha maneira de traballar na que se continuará incidindo, para “poder anticiparnos a problemáticas que está a provocar a xestión do Partido Popular no Goberno local”. Precisamente, Adrián González pon en valor o labor de fiscalización feita polo grupo municipal do BNG no que vai de mandato. Unha etapa “moi oscura para a veciñanza e marcada pola asfixia económica que Telmo Martín está a provocar en moitas familias coas subas de impostos promovidas polo alcalde, para poder facer fronte a sentenzas xudiciais e ás consecuencias da súa nefasta política de cemento e formigón”.
Adrián González agradeceu a confianza depositada nel por parte dos seus compañeiros e compañeiras e garantiu que “desde o Bloque imos continuar fiscalizando ao Partido Popular”. Neste sentido, o novo responsable local quixo salientar o traballo que está a realizar o BNG desde a oposición. “Fomos os primeiros en facer pública a intención de Telmo Martín de crear novos impostos para recadar, como foi no caso dos vados, e temos presentado moitas mocións e propostas para a mellora de infraestruturas e servizos. Ideas que xorden das necesidades da cidadanía e que, por desgraza, nunca son tidas en conta polo grupo de Goberno, que antepón a súa ideoloxía ás demandas das persoas”, critica González Prado. O responsable nacionalista tamén achaca a Telmo Martín unha “absoluta falta de preocupación por todo o que non é o núcleo de Sanxenxo”, o que provoca “deficiencias e un estado de abandono de moitos lugares do rural, especialmente nas parroquias máis pequenas. Para o BNG, todos e todas contan e nesa liña imos a seguir traballando”, finalizou.