HomeTabeirósCerdedo - CotobadeAdxudicada en 39.319,64 euros a senda peonil que mellorará a seguridade vial...

Adxudicada en 39.319,64 euros a senda peonil que mellorará a seguridade vial no acceso á zona escolar e pistas deportivas en Tenorio

- Anuncio -spot_img

Cubela indicou que os primeiros traballos que se acometerán agora no inverno serán a canalización de augas pluviais para evitar molestias e interferencias co tráfico e o resto farase no verán para impedir incomodidades a veciños e usuarios da zona
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar en concurso público, por importe total de 39.319,64 euros, a senda peonil de acceso a equipamentos públicos de Tenorio que permitirá mellora-la seguridade vial no acceso á zona escolar dende a ponte que cruza a carretera nacional N-541, bordeando o muro do centro educativo alí existente, ata a pista polideportiva.
Un total de 15 empresas formalizaron as súas ofertas para esta obra que saíu a concurso por importe total de 54.200 euros e que foi adxudicada por 39.319,64 euros, é dicir, que o Concello de Cerdedo-Cotobade logra un aforro con respecto ao prezo de licitación dun 27,5 por cento.
A adxudicataria contempla un prazo de execución de mes e medio aínda que os traballos serán divididos en dous procedementos temporais para evitar o máximo posible as molestias aos veciños e usuarios da zona e interferir o menos posible no tráfico rodado.
Así, agora no inverno, a empresa adxudicataria acometerá a canalización de augas pluviais, uns traballos que non precisan interrumpi-lo tráfico, deixando a construción efectiva da senda peonil para meses estivais onde o tempo permita tamén un mellor acabado e eficacia nos traballos a realizar.
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai a aproveitar esta obra para soterra-la liña eléctrica existente, retranquearanse os postes de telecomunicacións alí ubicados, colocaranse bolardos plásticos reflectantes e tamén se acometerá a canalización de augas pluviais para recoller as augas das pistas deportivas.
O alcalde Jorge Cubela salientou que esta nova pista peonil ven a reforzar o proceso de humanización que se está a levar a cabo en Tenorio, e noutros lugares do municipio, dentro da aposta do grupo de goberno por mellora-las condicións de vida e de seguridade vial das persoas que residen en zonas rurais e amosou a súa satisfación polo alto grao de participación, un total de 15 empresas, que polo alto nivel competitivo e solvencia profesional acreditada permite ao Concello aforrar un 27,5% no prezo final da obra.
Cubela informou de que “nesta ocasión trátase da execución do pavimentado dun ensanche existente no acceso aos equipamentos públicos de Tenorio a través dunha senda peonil lateral en formigón tintada en color na que se aproveitará a obra para deixar instalados os
desaugues de evacuacións de pluviais así como o soterramento das liñas eléctricas así como o desvío aéreo do tendido telefónico”.
O alcalde xustificou a obra na “necesidade de conseguir un acceso seguro para os peóns, alumnos e pais así como veciños, aos distintos equipamentos públicos existentes no entorno de Tenorio como a Escola Infantil, pavillón de deportes, CEIP, o instituto de ensino medio, pistas polideportivos, etc. Precisamente a gran cantidade de rapaces e veciños en xeral presentes na zona a tódalas horas, especialmente cando comeza e rematan as clases, fai necesario eliminar os perigos de seguridade vial existentes, unha das peticións feitas polos veciños e a comunidade educativa que agora imos a darlle unha solución definitiva”, indicou Jorge Cubela.

Publicacións Relacionadas