HomePontevedraPoioAgís salienta o cambio experimentado en Saíñas grazas ao proxecto impulsado por...

Agís salienta o cambio experimentado en Saíñas grazas ao proxecto impulsado por Promoción Económica e Urbanismo para humanizar a contorna

- Anuncio -spot_img

• A remodelación no lugar xa é evidente, logo de que nesta zona os traballos xa estean practicamente completados, a falta de pequenos detalles, e tamén se traballa xa en Portosanto e A Puntada

• A actuación, que aposta pola renovación de servizos, a mellora sostible e o reforzo da seguridade viaria, conta cun orzamento próximo ao millón de euros e se financia a través de fondos da Deputación de Pontevedra

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, vén de pasar revista ao estado no que se atopa a reforma integral do núcleo de San Salvador entre Saíñas, A Puntada e Portosanto. Trátase dun proxecto xa iniciado no segundo semestre de 2022 e que inclúe a dotación de servizos básicos e a humanización da contorna, garantindo o respecto pola súa peculiaridade como núcleo tradicional e a mobilidade e accesibilidade universal. O edil do Goberno local constata que a empresa adxudicataria, Covsa, está a cumprir cos prazos previstos. A día de hoxe a reforma xa está practicamente completa na zona de Saíñas, onde se procedeu á instalación dos servizos básicos e a nova superficie, moito máis respectuosa coa contorna e que tamén serve para darlle un maior protagonismo ao tránsito peonil. “Neste tramo xa só estamos pendentes de rematar coa instalación das novas luminarias e algúns detalles máis, pero o cambio é máis que evidente”, sinalou Gregorio Agís.

Agís constata que as boas condicións meteorolóxicas das últimas semanas permitiron que os traballos avanzasen de xeito notable e, unha vez máis, amosou o seu agradecemento ás persoas residentes “polo súa predisposición á hora de asumir as molestias habituais que poden causar de forma temporal este tipo de actuacións. Basta con ver o aspecto que presenta agora Saíñas para darnos conta de que é algo que paga a pena”, incide o concelleiro do PSdeG-PSOE. Cómpre lembrar que o proxecto conta cun orzamento que rolda o millóns de euros, financiados a través de fondos da Deputación de Pontevedra. En
concreto, o 80% desta contía chegou grazas ao Programa ReacPon, sendo o 20% correspondente a outras liñas da máxima institución provincial.

Incide o responsable de Promoción Económica e Urbanismo en que esta actuación “é unha da máis ambiciosas do mandato actual” e, se non se producen contratempos, estará lista en poucos meses. “Supón unha renovación e transformación necesaria que sen dúbida axudará a dinamizar un núcleo de referencia na parroquia de San Salvador, onde contamos con espazos moi importante e que son puntos de encontro para a veciñanza, como a escola infantil de Saíñas, as áreas de lecer ou a Casa Museo de Cristóbal Colón”, recalca.

Publicacións Relacionadas