Alternativa por Mondariz elixe por unanimidade a Xoán Carlos Montes Bugarín como candidato á alcaldía

Redacción

Urbanismo, vivenda, auga, protección contra os incendios e colaboración con Mondariz Balneario, as principais apostas programáticas

A asemblea de Alternativa por Mondariz (AporM) vén de elixir por unanimidade a Xoán Carlos Montes Bugarín, coñecido popularmente como “Calis”, como candidato á Alcaldía de Mondariz para as próximas eleccións municipais.

A nosa formación defende a necesidade de impulsar políticas públicas centradas na protección dos servizos esenciais e na mellora da calidade de vida da ciudadanía, que actualmente se atopan abandonados. Entre as súas prioridades figuran a defensa decidida da sanidade pública en Mondariz, especialmente nun contexto de crecente preocupación polo acceso á atención sanitaria no rural, así como a promoción de políticas activas de vivenda que faciliten a fixación de poboación e o acceso á primeira residencia da xente nova. Para iso, AporM aposta tanto pola creación de nova vivenda protexida (a Xunta excluíu a Mondariz do plan de vivenda protexida que desenvolve a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia1 ) como da rehabilitación do parque inmobiliario existente que permitan recuperar inmobles actualmente en desuso.

Pagamento da débeda e colaboración con Mondariz Balneario

Un dos eixes estratéxicos da candidatura de Xoán Carlos Montes Bugarín será o fortalecemento da colaboración institucional co Concello de Mondariz Balneario. A formación considera imprescindible chegar a acordos para pagar a débeda que Mondariz ten con este Concello e establecer un vínculo estratéxico estable entre ambos os municipios, capaz de xerar sinerxías e mellorar a eficiencia dos servizos públicos.

Entre os ámbitos nos que AporM propón avanzar de maneira inmediata atópanse a cooperación na depuración das augas residuais, a posta en marcha dunha programación cultural conxunta e a extensión a Mondariz de servizos dos que actualmente só desfrutan os veciños de Mondariz Balneario, como o Punto Limpo, coa finalidade de optimizar recursos e ofrecer unha atención máis completa aos veciños dos dous concellos.

O candidato afirmou que “en Mondariz existe un crecente convencemento social de que o Concello de Mondariz precisa un cambio de rumbo político e institucional, así como un goberno estable que sexa capaz de construír acordos sólidos entre distintas administracións”.

Coa elección unánime de Xoán Carlos Montes Bugarín, AporM inicia unha nova fase política coa que aspira a liderar unha alternativa de goberno capaz de impulsar a modernización do concello, fortalecer os servizos públicos e situar a Mondariz no camiño dun desenvolvemento sostible, compartindo servizos con Mondariz Balneario.

Comparte este artigo