A Brigada Forestal Municipal e dous axentes forestais tutorizaron a plantación de 100 carballos inoculados con boletus no perímetro de seguridade do parque de Camos e en Monte Castelo
O Concello de Nigrán colaborou un ano máis na programación sociocultural entre alumnado do CEIP Humberto Juanes e o de intercambio de Saint John’s (Manchester) ofrecendo unha actividade de repoboación no futuro parque forestal de Camos e no monte comunal de Parada. A xornada matinal, previa ao regreso pola tarde das 80 crianzas inglesas ao seu país, foi tutorizada pola Brigada Forestal Municipal e os axentes forestais da zona. Divididos en dous grupos de 5º e 6º de Primaria, os benxamíns plantaron 50 carballos na franxa de seguridade do parque Os Matos-Río Táboas (zona próxima á vivendas onde previamente se eliminaron todas as especies invasoras) e os maiores outros 50 no Monte Castelo. Todos estes exemplares foron previamente inoculados nas raíces con boletus co obxectivo de que medren este tipo de cogomelos. A actividade, que incluíu unha placa conmemorativa coa frase de Castelao ‘Vale máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos bancos’, puxo fin a unha semana de intercambio chea de actividades.
Historia do Intercambio
O CEIP Plurilingüe Humberto Juanes leva 17 anos levando a cabo un intercambio lingüístico-cultural con Manchester, en concreto co barrio de Chorlton. O intercambio comezou sendo ‘só’ un contacto epistolar entre o alumnado de 5º e 6º, e nunca se imaxinou que se puidesen coñecer persoalmente. Ata que, vendo que a iniciativa gustaba moitísimo ao alumnado e incidía estreitamente na súa motivación por aprender a lingua inglesa, o centro tomou a decisión de embarcarse nunha viaxe (xa sen volta atrás) para coñecer a eses compañeiros e compañeiras. Hoxe en día, este intercambio está xa instaurado no día a día do centro, e supón un selo de identidade.
O contacto co colexio Saint John’s comeza en 5º, facendo intercambio de cartas de presentación, postais de Nadal, video conferencias, e-mails, etc… Normalmente, antes de Semana Santa o alumnado inglés viaxa a Nigrán para coñecer aos seus amigos e amigas. Despois, en 6º, continúa o contacto lingüístico, e é cando o CEIP Humberto Juanes viaxa a Manchester, normalmente en xuño.



