• A visita guiada contou coa participación do presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, e do escritor Ángel Carracelas
A Casa Museo de Colón recibiu este martes a visita de máis de 50 alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro, do concello do Porriño. Os e as estudantes, de idades comprendidas entre 13 e 16 anos, estiveron acompañados por catro mestres e mestras do centro educativo e tiveron ocasión de coñecer de primeira man as dependencias situadas no lugar de Portosanto, na parroquia de San Salvador. A expedición contou tamén co acompañamento do presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, e do escritor Ángel Carracelas, autor do libro La huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón. Ambos foron os encargados de ofrecer unha visita guiada por todas as instalacións, explicando aos mozos e mozas os detalles de toda a documentación e do material audiovisual existente na Casa Museo, a través da cal se pretende poñer en valor e dar a coñecer a teoría do Colón Galego.
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), agradece a implicación e o esforzo que realiza Galicia Histórica para consolidar a difusión da Casa Museo e lembra que as visitas guiadas pódense realizar ao longo de todo o ano.
Precisamente, a principios deste ano estas dependencias tamén foron protagonistas do Roteiro Literario, que a finais de xaneiro contou coa participación de máis de 70 persoas, incluído o escritor Rodrigo Costoya, autor do libro ‘Portosanto: el enigma de Colón’.
Por outra banda, Díaz recorda que a día de hoxe, á marxe destas excursións organizadas, tamén é posible visitar o museo de martes a sábado, en horario de 9.30 a 14.30 horas.