A entidade pontevedresa, que traballa por mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, reuniuse o luns 2 de decembro co alcalde de Poio para transmitirlle a imperiosa necesidade de solucionar os problemas de accesibilidade cos que conta o Pazo Besada.
As instalacións que acollen as dependencias de benestar social do Concello de Poio, lonxe de ser un exemplo de accesibilidade, contan con numerosos atracos que dificultan o acceso ás persoas con mobilidade reducida, constituíndo unha clara discriminación.
Amizade trasladou ao alcalde que na contorna do Pazo Besada non existen estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, que o pavimento é moi rugoso e inestable e dificulta os desprazamentos, que a rampla que existe nun lateral conta con pavimento rugoso, que non existe un correcto mantemento e hai zonas con bastante verdín que resultan escorregadizas, ou que a porta situada no suposto acceso accesible non permite o accionamento e apertura exterior de forma autónoma.
A asociación insistiu na necesidade de que conten co asesoramento de Amizade, COGAMI ou algunha entidade experta en accesibilidade que poida confirmar que as solucións que se atopen realmente cumpran a normativa e resulten verdadeiramente accesibles para todas as persoas.
Pola súa banda, desde o Concello de Poio o alcalde admitiu que eran conscientes da necesidade de solucionar todos os problemas de accesibilidade cos que contan as dependencias de benestar social e comprometeuse con Amizade en traballar conxuntamente para darlle solución.
Os representantes de Amizade aproveitaron a reunión para tratar outras cuestións que se lle teñen presentado por rexistro reclamando melloras de accesibilidade en diferentes puntos do Concello, que estaban sen solucionar. Valoráronse as medidas a adoptar e quedouse en ir traballando conxuntamente na busca das melloras máis axeitadas.
Amizade agradece a disposición do alcalde a ir mellorando todas as dificultades mencionadas á vez que se compromete a estar pendente para que ese compromiso adquirido polo alcalde se materialice.