Ampliación da dotación de solo empresarial, mellora ambiental e produtiva das rías, mellora da sanidade pública e da rede viaria, liñas básicas do traballo do BNG no Parlamento galego

adminON
Lectura mínima de 5

Luís Bará: “O BNG fará unha oposición positiva e propositiva fronte á  nova/vella política do PP, destrutiva, corrosiva e agresiva” 

O deputado responsábel das comarcas de Pontevedra e Caldas, Luís Bará, compareceu hoxe  para dar conta das principais liñas de traballo que vai levar a cabo o BNG no Parlamento galego.  “Un BNG reforzado, con gañas, con forza e con ilusión” que combinará unha oposición firme,  contundente e esixente no seu labor de control e fiscalización do goberno” cunha actitude  positiva e propositiva. “A cada critica presentaremos unha alternativa”, afirmou o deputado  nacionalista. 

Bará, trazou as catro grandes liñas de traballo que teñen que ver coa comarca que resumíu en: 

1) Ampliación do solo empresarial. Neste sentido o BNG fará especial fincapé na ampliación  do parque empresarial do Campiño (practicamente completo nestes momentos) e no  impulso do polígono empresarial de Fraga Moreira, en Poio, considerado prioritario en 2014  e que o PP mantén a día hoxe parado. “Tratase de 800.000 m2 fundamentais para a  instalación de empresas e industrias e, polo tanto, par a xeración de postos de traballo”. Bará  considera fundamental esta ampliación de solo empresarial para rachar coa situación de  estrangulamento da oferta de solo empresarial que existe na actualidade. 

2) A segunda das liñas de traballo ten que ver coa mellora ambiental e produtiva das rías de  Pontevedra e Vigo, mellorando a calidade das augas e rexenerando as rías para poder facer  fronte á actual crise do marisqueo.  

Bará fixo fincapé en dous aspectos centrais, a mellora da rede de saneamento e depuración  (a depuradora dos Praceres, declarada de especial intereses pola Xunta para controlar a súa  xestión, e a mellora da EDAR de Arcade, unha eterna “promesa incumprida da Xunta do PP). 

Na mellora ambiental das rías insírense tamén a reclamación da dragaxe do Lérez e a  situación do Ulla, coa ameaza da macrocelulosa de Altri.  

En canto á dragaxe do Lérez, un proxecto 14 anos paralizado, boicoteado pola Xunta do PP,  Bará afirmou que “é fundamental para garantir a navegabilidade na canle do Lérez, a  operatividade no porto deportivo e a mellora da capacidade produtiva dos bancos  marisqueiros”. Neste sentido, afirmou que “a única solución é tratar os lodos urbanos  (potencialmente perigosos) é tratalos en terra, como se fixo no caso da ría do Burgo, na  Coruña. O mar non pode ser un vertedoiro”, afirmou o deputado nacionalista.  

No que respeita ao Ulla, e á alarma provocada pola macrocelulosa de ALTRI tendo en conta,  ademais, que se está a ampliar a ETAP de Padrón para abastecer de auga potábel a dez  concellos de ambos lados da ría de Arousa. 

3) O terceiro grande ámbito de actuación é a mellora da sanidade pública, para dar solución  aos graves problemas na atención primaria e na pediatria, e á necesidade de construir os  novos centros de saúde en Caldas de Reis, Poio e Soutomaior. O BNG reivindicará tamén un  uso socio-sanitario do actual hospital provincial 

4) Por último, Bará salientou a necesidade da mellora da rede viaria autonómica,  fundamentalmente no que ten que ver coa seguridade viaria, accesibilidade e mobilidade  peonil e ciclista.  

O deputado fixo fincapé en dúas infraetruturas prioritarias: a variante de Alba, unha  demanda histórica que a Xunta do PP leva adiando ano a ano, para unir a estrada de  Vilagarcía coa de Santiago, e o vial do Vao para conectar a PO-308 desde o Casal de Ferreirós  até a estrada de Vilagarcía, atravesando parte do poboado do Vao, unha estrada de pouco  máis de 500 metros, moi doada de facer e que melloraría dunha forma impresionante a  mobilidade ao redor da ponte da Barca. “Non entendo por que o PP leva boicoteando tanto  tempo esta infraestrutura que melloraría sensibelmente a mobilidade en todo este ámbito”,  concluíu o deputado nacionalista.

Comparte este artigo