Arévalo acompaña a Lorenzana na súa visita ás instalacións de Syngenta

adminON
Lectura mínima de 3

A alcaldesa de Mos, que estivo visitando esta mañá Syngenta Agro xunto coa conselleira de Economía, Industria e Innovación, destacou a importancia da factoría no tecido empresarial mosense e na xeración de emprego entre a poboación do municipio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou esta mañá á conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, durante a visita que realizou hoxe ás dependencias da compañía e na que tamén estivo presente o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, pois as instalacións da fábrica atópanse ubicadas entre ambos concellos da Louriña.

Durante o percorrido pola empresa Lorenzana cualificou Syngenta como unha empresa motor e referente da biotecnoloxía galega mentres que Arévalo, rexedora local mosense, destacou a importancia de ter no municipio factorías da talla de Syngenta, “que enriquecen ao noso tecido empresarial, -o 4º maior da provincia de Pontevedra-, e dan emprego a un gran número de veciños de Mos, na actualidade, e desde os anos 40 do século pasado”, salienta.

Syngenta dá en Galicia emprego a un total de 120 persoas, un 50 por cento mulleres. A conselleira destacou hoxe o labor que, durante décadas, leva desenvolvendo en Galicia a compañía Syngenta, unha empresa “motor e referente da biotecnoloxía galega”, dixo.

Na visita ás instalacións de Syngenta, onde a empresa leva implantada máis de 80 anos, Lorenzana puxo en valor o alto nivel de internacionalización da compañía. Con sede en Suíza e presenza en máis de 100 países e preto de 53.000 empregados. Ademais, tamén salientou a súa sustentabilidade, e o alto índice de seguridade e saúde laboral, apuntou.

Syngenta é líder mundial en investigación e desenvolvemento de solucións de sanidade vexetal, para transformar a forma en que se sementan, se protexen e se melloran os cultivos.

A Xunta, a través do Igape e Xesgalicia está destinando fondos en materia de innovación, sendo Galicia a comunidade autónoma que rexistra a segunda taxa máis alta de bioemprendemento. “Temos máis de 10 M€ en fondos para investir neste tipo de empresas e axudas a fondo perdido con tickets de 20.000 euros para as empresas, nun orzamento total de 1,5 M€ para startups neste ano 2024”, concluíu a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Comparte este artigo