HomeBaixo MiñoA GuardaArranca o Obradoiro de Emprego no que 20 persoas desempregadas da Guarda...

Arranca o Obradoiro de Emprego no que 20 persoas desempregadas da Guarda se formarán en albanelería e xardinería-forestal

- Anuncio -spot_img

• Na mañá deste luns inaugurouse oficialmente o Obradoiro de Emprego “Manuel B. Portela VIII” coa presenza do Alcalde da Guarda, o Delegado Territorial da Xunta, a Concelleira de Formación e o equipo directivo e docente, que animaron ao alumnado participante a aproveitar esta interesante oportunidade, a través da que durante 12 meses poderán formarse e traballar ao mesmo tempo.

O Alcalde, Antonio Lomba, destacou que desde o Concello se seguirá apostando por inverter esforzos e fondos municipais para desenvolver na Guarda todas aquelas accións formativas que, coma neste caso, podan brindar aos guardeses e guardesas oportunidades de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, sobre todo naqueles sectores nos que poda existir unha alta demanda de profesionais.

Pola súa parte o Delegado territorial, Luís López, puxo de manifesto a aposta polo emprego da Xunta e agradeceu aos/ás participantes a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado e amosouse convencido de que aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional.

A Concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que o proxecto de obra que se levará a cabo no Obradoiro está en liña coas actuacións de posta en valor do Camiño Portugués da Costa que está levando a cabo o Concello, xa que permitirá desenvolver melloras en varios puntos do noso Camiño e polo tanto embelecer aínda máis o noso tramo. Estes/as alumnos e alumnas, xunto cos docentes que os/as acompañarán, terán a oportunidade de deixar a súa pegada e contribuír a que a peregrinaxe a Santiago pola costa resulte aínda máis atractiva do que é actualmente.

O obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VIII” contará coas especialidades de Albanelería e Forestal-Xardinaría, en cada unha das cales se formará a un grupo de 10 alumnos/as, obtendo ao remate do Obradoiro tres certificados de profesionalidade por cada unha das especialidades.

Esta iniciativa conta cun investimento da Xunta de Galicia que ascende a 504.000 euros, así como con financiación municipal.

Publicacións Relacionadas