• As obras permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios.
• Un investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro.
O Concello do Porriño vén de iniciar as obras que permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha actuación estratéxica destinada á transformación e revitalización do centro urbano.
A intervención enmárcase no proxecto denominado “Novo espazo público na contorna da rúa Pío XII”, financiado ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio de colaboración foi formalizado entre ambas administracións.
O investimento global da actuación supera os 2,1 millóns de euros, dos que máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra, mentres que o resto será financiado con fondos municipais.
Esta actuación supón un dos investimentos máis relevantes dos últimos anos no núcleo urbano do municipio e permitirá actuar nun ámbito de máis de 4.000 metros cadrados, transformando antigas zonas de aparcamento e parcelas residuais nun novo espazo verde e de convivencia integrado na rede de espazos públicos do Porriño.
O proxecto contempla a creación de zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como anfiteatro para actividades culturais, áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas a diferentes tramos de idade, unha zona de auga con fontes secas e canles decorativas, así como a plantación de especies autóctonas que combinarán árbores caducifolias e arbustos para xerar sombra e fomentar a biodiversidade. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e iluminación eficiente, reforzando o carácter sostible da actuación.
O novo parque integrará e conectará de maneira fluída as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González, mellorando a accesibilidade mediante itinerarios adaptados que unirán o centro social co novo espazo e promovendo así a inclusión e o uso por persoas de todas as idades e capacidades.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este proxecto marca un antes e un despois na configuración do noso centro urbano. Estamos a recuperar espazos degradados para convertelos nun pulmón verde e nun punto de encontro para toda a veciñanza”. O rexedor subliñou que “falamos dun investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro”. Así mesmo, quixo trasladar unha mensaxe de comprensión á cidadanía polas posibles molestias derivadas das obras, sinalando que “somos conscientes das incomodidades que poden ocasionarse durante o desenvolvemento dos traballos, pero trátase dunha actuación necesaria que suporá unha mellora significativa para O Porriño a medio e longo prazo”.
Con esta intervención, o Concello continúa avanzando na súa aposta por unha transformación urbana centrada nas persoas, creando espazos públicos modernos, accesibles e sostibles que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan a consolidar un centro urbano máis dinámico, cohesionado e atractivo.



