O grupo de investigación e divulgación da música tradicional galega ‘Arredor da tradición’ será distinguido este ano co Premio Mestre Machiño 2025 no marco do festival O Son do Pazo, que celebra a súa décima edición os días 30 e 31 de agosto no entorno do Pazo de Mos co apoio do Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
O galardón, que será recollido polos integrantes do proxecto, a etnomusicóloga Xulia Feixoo e o músico e compilador Guillerme Ignacio, entregarase o sábado 30 de agosto durante o festival.
A organización de O Son do Pazo decidiu recoñecer así o labor de ‘Arredor da tradición’, un proxecto nacido en 2016 que combina traballo de campo, investigación académica e divulgación pública arredor das músicas de tradición oral. Destaca polo seu xeito de dar voz ás persoas informantes e por devolver á sociedade un patrimonio vivo e parte esencial da memoria colectiva galega.
O Premio Mestre Machiño entrégase cada ano a persoas ou colectivos comprometidos coa preservación da música tradicional galega. Entre os premiados en edicións anteriores atópanse as Pandeireteiras de Toutón, Xurxo Jachía, Felisa Segade, Xaime Estévez ou Uxía Senlle.
A portavoz da comisión organizadora, Laura Carrera, salientou que proxectos como ‘Arredor da tradición’ “contribúen a manter a música popular viva, accesible e respectada”, engadindo que “son un exemplo de como a tradición e as novas tecnoloxías poden ir da man para fortalecer a nosa identidade colectiva”.
O Son do Pazo chega en 2025 á súa décima edición consolidado como un dos eventos culturais imprescindibles do verán galego. A programación, gratuíta e para todos os públicos, inclúe concertos, obradoiros, concursos e pasarrúas. Entre as actuacións deste ano destacan Airiños do Castelo, Algaire, Sheila Patricia, Mediarea, Mekanika Rolling Band, Uxía Lambona e a Banda Molona e Zurrumalla, entre outras propostas de música tradicional e espírito intercéltico.
Ademais, xa está aberto o prazo de inscrición para dúas das actividades máis participativas do festival:
· Concurso de cuartetos, nesta edición orientado especialmente a agrupacións máis novas.
· As III Olimpíadas Rurais O Son do Pazo, unha cita lúdica que anima a formar equipos e gozar de xogos tradicionais en comunidade.
As persoas interesadas poden inscribirse en ámbalas actividades nas ligazóns colgadas nas redes sociais de O Son do Pazo (@osondopazo) ou ben solicitar dita inscrición no correo osondopazo@gmail.com.