Alumnado, residentes e músicos do Rosal, A Guarda e Caminha participaron en master class gratuítas de primeiro nivel
O son da música encheu este final de ano O Rosal, transformando o municipio nun auténtico laboratorio creativo onde xeracións de diferentes territorios e escolas se deron cita para aprender, compartir e inspirarse. Así se desenvolveu a segunda edición das Xornadas Instrumentais Eurocidade, unha iniciativa formativa que achegou profesorado de prestixio internacional a residentes, alumnado e membros de agrupacións musicais de O Rosal, A Guarda e Caminha.
Organizadas polo Concello do Rosal e a Agrupación Musical do Rosal e financiadas ao abeiro do proxecto REDE_GOV_MINHO da AECT Río Miño, estas xornadas contaron con master class gratuítas en disciplinas como música clásica, tradicional, técnica vocal, percusión e dirección de banda. Arredor de 150 persoas participaron nesta nova edición, das que 93 asistiron ás clases e máis de 40 integraban a banda destinada á práctica de dirección.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta iniciativa, un proxecto “que coloca ao noso concello no mapa da formación musical de alto nivel, ofrecendo oportunidades que normalmente só están ao alcance das grandes cidades. A Eurocidade da Foz do Miño comeza a sentirse nos pequenos grandes proxectos: a música actúa como ponte, encontro e impulso para que a nosa mocidade e talento local sigan medrando”.
O elenco docente desta edición contou con profesionais de recoñecido prestixio como Noa Granja (violonchelo), Óscar Araújo (fagot), Suso Vaamonde (música tradicional), Alba Rodríguez (percusión), Óscar Vázquez (trombón), Isidro Betancourt (técnica vocal e coro) e Javier Alonso (dirección de banda). A diversidade e calidade do profesorado permitiu ofrecer formación de excelencia, adaptada a distintos niveis e estilos musicais, consolidando ao Rosal como punto de referencia no ámbito da formación instrumental na Eurocidade.



