O Concello tomou esta decisión despois de falar con Manoele de Felisa, A Banda da Balbina, A Roda e Astarot e consensuar un novo día para a súa actuación
As adversas previsións metereolóxicas para o domingo 4 de setembro recomendan adiar a celebración da Festa d@s Mozos de Campo Lameiro para o vindeiro 11 de setembro. Esta decisión, adoptada polo Concello, prodúcese despois de falar con Manoele de Felisa, A Banda da Balbina, A Roda e Astarot, os artistas e agrupacións musicais que tiñan previsto actuar na Praza do Concello e que decidiron suspender o concerto ante a presenza constante de choiva ao longo da tarde do domingo que fai inviable esta celebración.
Unha vez revisadas as axendas e a disponibilidade do plantel integrante do cartel da Festa d@s Moz@s decidiuse o aprazamento para o vindeiro domingo 11 de setembro onde todos os participantes coincidiron en arranxar as súas actuacións para estar presente neste festival que rememorará as orixes e os mellores momentos da música folk galega.
A intención do Concello de Campo Lameiro é recuperar, despois de 30 anos sen celebrarse, a Festa d@s Moz@s e homenaxear a aqueles homes e mulleres que foron pioneiros na organización deste evento que supuxo un fito para a normalización e promoción da musica galega e en galego nos finais dos anos 70, nos 80 e principios do 90.
A Festa d@s Moz@s puxo no mapa cultural, musical e folclórico a este concello e serviu para que artistas e agrupacións da talla de Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Milladoiro, Xocaloma, Brath, Luar na Lubre, A Quenlla, Buxán, A Roda e mesmo Amancio Prada ofreceran concertos na etapa deste festival iniciado no ano 1977 e continuado de xeito ininterrumpido ata o ano 1982, despois houbo varias ausencia ata realizar o derradeiro da súa saga no ano 1992, hai agora 30 anos.
Segundo Carlos Costa, “queriamos homenaxear a todos aqueles veciños e veciñas de Campo Lameiro que puxeron en marcha a Festa d@s Moz@s e que foron pioneiros en Galicia na celebración deste tipo de festivais, precisamente agora que se cumpren 45 anos do primeiro que se fixo no ano 1977. Non queremos que a choiva, moi necesaria por outra banda, nos estropee a recuperación do festival e por iso decidimos aprazala, de común acordo cos artistas, grupos e cantantes que en todo momento amosaron a súa boa disposición a colaborar. Imos intentar que todo saia ben e celebralo o próximo domingo 11 de setembro e honrar a aqueles pioneiros que tanto fixeron pola música e a cultura galega e que merecen un recoñecemento, cando menos do seu pobo”, indicou o alcalde.