Foi entregada polos concelleiros Plácido Pillado e Trinidad Fernández e trátase dunha ferramenta dixital que lles permitirá facer un escandallo que facilite o cálculo do gasto para unha mellor planificación do mesmo
Os concelleiros de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, e de Asuntos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, fixeron a entrega ás cociñeiras do comedor escolar e ao director do CEIP da Lama dunha táblet do programa “Come Local”, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, provista do software necesario para facer un escandallo que facilite o cálculo do gasto e unha mellor planificación deste servizo.
Tanto o director do centro, Rafael Sánchez-Agustino, como os representantes municipais valoraron moi positivamente o feito de que o comedor escolar da Lama estea incluido no programa “Come Local” que permite que o alumnado do centro teña acceso a varios produtos galegos con certificado de calidade (DOP, IXP e Ecolóxicos de proximidade) e cunha trazabilidade garantida.
O CEIP A Lama participa nesta IV edición do programa “Come Local 2023-24” na que hai un total aproximado de 7.800 usuarios e usuarias de comedor repartidos entre as catro provincias galegas e unha das accións deste programa, impulsado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para promocionar os produtos galegos de proximidade e con indicativo de calidade, consiste en axudar á realización dun escandallo para dotar aos comedores dunha ferramenta que facilite o cálculo do gasto que lles permita unha mellor planificación do mesmo. Para elo, entregouse ao centro unha tablet cunha app para tal fin e con toda a información da campaña, así como outro material, como por exemplo, propostas de menús para cada estación, fichas técnicas de pratos, un manual de seguridade alimentaria exclusivo para centros escolares e outros recursos que axudarán na xestión do comedor.
Outras das accións postas en marcha por este programa foron a impartición de charlas de educación alimentaria para os estudantes nas cales se lles proporcionou material sobre as tempadas de froitas e verduras en Galicia; formación ás cociñeiras do comedor sobre etiquetado alimentario para que saiban diferenciar as certificacións e coñezan tamén o que implica cada unha; asesoramento ao persoal de cociña e de comedor sobre aprovisionamento así como tamén nas dúbidas que poidan ter á hora de xestionar os residuos do centro; accións formativas e asesoramento sobre seguridade alimentaria para os centros e produtores sobre como xestionar Análises de Perigos e de Puntos Críticos de Control (APPCC) correctamente; e asesoramento e intervención dunha experta en nutrición para axudar a introducir os produtos con certificado de calidade.