As Guerreras comproban que ‘A Guarda respira balonmán’

adminON
Lectura mínima de 3

As Guerreras foron recibidas cunha agarimosa benvida esta mañá no Concello da Guarda. Un numeroso grupo de afeccionados xa as agardaban na praza do Reló para recibilas entre aplausos.

O alcalde recordou a relación histórica do balonmán feminino coa Guarda e animou ás xogadoras a desfrutar da vila en todos os seus ámbitos, desde gastronomía ata a propia idiosincrasia guardesa. Por último, desexoulles sorte para chegar a París “ao máis alto”.

O segundo adestrador das Guerreras, José Ignacio Prades, asegurou que na Guarda “sempre se está ben”, porque “respírase balonmán”. E sábeo de primeira man, pois ademais de ser o exadestrador do Mecalia Atlético Guardés, xa é un veciño guardés máis.

Neste mesmo senso, a capitá, Lara González facía referencia a que moitas “puideron desfrutar do balonmán na Guarda, algunhas incluso vestindo as súas cores”. Non quixo esquecerse da xente que estaba hoxe asistindo á recepción, nos que se atopaban “moitas das persoas que son habituais nos partidos, sexa cal sexa”.

A capitá describiu A Guarda como “idílica” e asegura que van traballar duro e concentradas para competir nos Xogos Olímpicos de París 2024.

“Agardo que a conxunción de río, mar e monte vos leve por bo camiño ata París e nos traiades a máxima alegría”, engadía Celso Fariñas, o concelleiro de Deportes. Para finalizar, desde o Concello obsequiaron ás Guerreras cunha mochila da vila e mapas turísticos para que poidan desfrutar da vila no seu tempo libre.

As xogadoras da selección feminina de balonmán chegaron durante a tarde do luns á Guarda e estarán ata o próximo domingo 23. O venres 21, a partir das 16:30 horas, ofecererán un adestramento aberto a adestradores de calquera deporte

Na segunda semana das Guerreras na Guarda, será cando poidamos velas en acción, cun adestramento a portas abertas para todo o público o sábado 29 ás 17:00 horas. Ademais, animamos a toda a cidadanía a achegarse antes ao pavillón da Sangriña, pois previamente a ese adestramento, haberá unha firma de autógrafos.

Desexámoslle ás Guerreras unha boa estadía na Guarda e a mellor das sortes nos Xogos Olímpicos de París.

Comparte este artigo