HomePontevedraPoioAs ludotecas de verán da concellería de Educación rematan a súa actividade...

As ludotecas de verán da concellería de Educación rematan a súa actividade en favor da conciliación familiar e laboral

- Anuncio -spot_img

• A concelleira responsable desta área, a nacionalista Raquel Rodríguez, salienta a gran acollida de Campa Verán e Raxó Verán, que contaron con practicamente o 100% de prazas completas nas catro quendas ofertadas (120 e 30 cada 15 días, respectivamente)

• Vistas, excursións, xogos tradicionais ou deporte foron algunhas das iniciativas que se desenvolveron ao longo de xullo e agosto

Unha gran festa de disfraces puxo este pasado mércores o punto final a unha nova edición as ludotecas de verán impulsadas desde a Concellería de Educación. Trátanse do Campa Verán, que se desenvolveu nas dependencias do CEIP Isidora Riestra de San Xoán, e o Raxó Verán, no CEIP Espedregada. Tal e como lembra a concelleira delegada desta área, a nacionalista Raquel Rodríguez, este é un servizo que se pon en marcha durante os meses de xullo e agosto, buscando garantir a conciliación ás familias, de xeito que “se facilite a xestión da súa vida familiar e laboral”. Esta é unha prestación que se dirixe á veciñanza de Poio e a aquelas persoas que traballan en empresas afincadas no propio municipio.

A concelleira do Goberno local destaca que estas ludotecas xa están plenamente consolidadas. Así o demostra o feito de que practicamente se cubriron o 100% de todas as prazas ofertadas. As quendas eran de 15 días e no caso de Campa Verán eran 120 por cada quenda, sendo 30 no caso do Raxó Verán. “Estes datos amosan a gran acollida que, un ano máis, tivo este servizo, polo que imos continuar apostando decididamente”, sinalou Rodríguez Alonso. Ademais de garantir a conciliación, estes campamentos tamén aposta por inculcar valores entre as crianzas, relacionados co fomento de hábitos saudables, os deportes. “Realizáronse varias actividades nas que o lecer e a formación foron protagonistas”, apunta a concelleira de Educación, que lembra que ao longo dos dous meses de duración deste servizo os e as nenas inscritas tiveron a oportunidade de tomar parte en diferentes excursións e actividades. A edil nacionalista expresou o seu agradecemento ás monitoras e monitores responsables de organizar e desenvolver as iniciativas nas que tomaron parte os cativos e cativas.

Por outra banda, o Concello lembra que a día de hoxe permanece operativo o Espazo Concilia, impulsado pola Concellería de Igualdade, e que non rematará a súa actividade ata o vindeiro 9 de setembro. Esta actividade desenvólvese na Casa Rosada, en San Salvador.

Publicacións Relacionadas