O Club Natación Ponteareas sumou esta fin de semana un novo éxito ao conquistar o equipo feminino o Campionato Galego Absoluto de natación de inverno disputado no Complexo Deportivo Frigsa de Lugo. Unha cita que se adiantaba no calendario de competicións e que congregou a 300 dos mellores deportistas de 26 clubs galegos.
O equipo feminino do club facíase co título de campioas galegas nunha competición na que todas e todos os participantes amosaron o bo nivel de forma, xa que durante os tres días de competición melloráronse varias marcas de idade e algúns récords galegos. Ademais, a deportista ponteareá Carla Carrón acadaba o trofeo Paula Carballido á mellor marca por puntos FINA do campionato.
Pola súa banda, o equipo masculino do CN Ponteareas remataba o encontro nun oitavo posto. Con estes resultados, na clasificación total conxunta o club do Condado proclamábase subcampión galego por equipos por detrás do CN Portamiñá lucense.



