As nenas e nenos do concello de Ponteareas terán descontos nos campamentos da Asociación Kiriko Natura

adminON
Lectura mínima de 2
  • Os nenos e nenas de Ponteareas gozarán dun 20% de desconto nesta actividade con motivo do 20 aniversario da Granxa Escola
  • As actividades realízanse nunhas instalacións ideais para unha educación medioambiental de calidade

O Concello de Ponteareas e a asociación lúdica Kiriko Natura asinan un convenio de colaboración para que as nenas e os nenos de Ponteareas gocen dun 20% de desconto nos seus campamentos do 6 ao 10 de agosto deste verán. A iniciativa, da que participan tamén cos concellos de As Neves e Salvaterra de Miño,  chega con motivo do 20 aniversario desta granxa escola que ten as súas instalacións en Fornelos de Montes.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinala que este convenio permite un aforro para as familias e supón unha oportunidade ideal para o desenvolvemento medioambiental e social dos pequenos e pequenas, nunha granxa escola situada nun espazo natural e cargada de actividades dinámicas e respectuosas co medio rural.

O Kiriko está situada nun emprazamento perfecto para a práctica destas actividades naturais, cunhas instalacións equipadas con todo tipo de medidas aptas para un correcto desenvolvemento das actividades.

A asociación ofrece xogos deportivos como piragüismo, escalada, ou tiro con arco; actividades de horta onde aprenderán sobre hortalizas e vexetais e xogos no bosque, con carreiras de orientación e pasatempos en relación coas árbores e plantas.

O Concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, adianta que acompañarán aos nenos e nenas monitores de tempo libre e profesionais do ensino con coñecementos do medioambiente. Ademais, cun mínimo de vinte inscritos disporase dun autobús para o desprazamento ata a granxa escola.

O prazo para facer as inscricións xa está aberto e ten de límite ata o próximo 20 de xullo. Para anotarse, abonda con remitir un correo electrónico a xuventude@ponteareas.gal ou contactar coa OMIX de Ponteareas.

Este domingo 9 de xuño a granxa escola Kiriko terá unha xornada de portas abertas organizada en dúas quendas.

Comparte este artigo