HomePontevedraAs obras de mellora do Camiño de Santiago avanzan a bo ritmo

As obras de mellora do Camiño de Santiago avanzan a bo ritmo

- Anuncio -spot_img

As obras de mellora do camiño de Santiago avanzan a bo ritmo. Uns traballos que contan cun investimento de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local conseguida polo Goberno local.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido visitaron hoxe as obras de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Arcade. Unha visita na que estiveron acompañados polo director de obra, Enrique Urcola e o xefe de obra da empresa COVSA, adxudicataria desta actuación.  Unha importante obra do Goberno local coa que transformará e mellorará o modelo de mobilidade nesta zona tanto para os veciños e veciñas do noso concello como para os milleiros de peregrinos e peregrinas que cada semana chegan a Soutomaior.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta actuación é un proxecto estratéxico polo que implica o camiño de Santiago en termos económicos, sociais e culturais para o municipio pero tamén para o modelo urbano, xa que vai a supoñer unha transformación do núcleo urbano de Arcade creando espazos máis amables, máis sostibles… Unhas obras que nos van a permitir traballar no subsolo evitando verquidos á ría e mellorando o saneamento, polo tanto, é unha obra integral, estratéxica que é o primeiro paso da transformación do núcleo urbano de Arcade que continuará con outras obras como é a Praza de Talo Río, Rosalía de Castro e Portal do Ribeiro que se iniciarán tamén nos vindeiros meses”.

A empresa Covsa foi a adxudicataria desta obra, titulada ‘Humanización do Camiño de Santiago no paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde’. O investimento para esta actuación é de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local conseguida polo Goberno de Soutomaior. Do total investido, case 150.000 euros irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer a ría de verteduras nunha zona de especial incidencia.

Está previsto que as obras estean rematadas antes de que finalice o ano. Os traballos que se están levando a cabo teñen como principal premisa ter a mínima incidencia posible tanto no tráfico rodado como no tráfico peonil (veciñanza e peregrinos e peregrinas) para evitar molestias e garantir a normalidade do día a día nesta zona.

Publicacións Relacionadas