A alcaldesa María Ramallo, xunto cos concelleiros Antonio Traba e Manuel Santos, comprobaron os avances, que xa mostran toda a nova cuberta e a envolvente
A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Antonio Traba e Manuel Santos, realizaron unha visita á execución da rehabilitación integral do Pavillón do Sequelo, que estará rematada antes de Semana Santa e que suporá un antes e un despois para esta infraestrutura deportiva.
Os traballos están moi avanzados, coa cuberta xa totalmente renovada, as novas luminarias LED instaladas, o repintado interior e todo o illamento da envolvente, para o que utilizou SATE. Tamén se cambiaron as canalizacións e as ventás nos vestiarios e agora están traballando na mellora da pista, pulíndoa e renovando o seu perímetro. retirando a tarima para poñer un material PVC resistente e con durabilidade.
“Levamos un ano moi intenso no que ten que ver coa inversión deportiva e temos claro que esta era unha obra esencial”, asegurou a alcaldesa, consciente do enorme uso que ten este pavillón, “no que adestran moitos clubs, fanse competicións e eventos cada fin de semana…”
Coa previsión do que falta na obra, finalizarase antes de Semana Santa, e contará con nova sinalización e rotulación, do mesmo xeito que se fixo no Pavillón da Cañota, outra das infraestruturas deportivas renovadas nestes últimos anos.



