o A Oficina de Turismo da Casa das Letras e o Punto de Información Turística do Pazo de Oca atenderon 2544 turistas durante todo o verán
o A maioría dos visitantes chegaron desde Madrid, Cataluña e Andalucía atraídos pola cultura, a gastronomía, a natureza e o Pazo de Oca
O Departamento de Turismo, que dirixe Óscar Rancaño, fixo público esta mañá que a Oficina de Turismo ubicada na Casa das Letras e mais o Punto de Información Turística emprazado no aparcadoiro do Pazo de Oca acadaron o seu mellor mes de agosto dende que existen rexistros logo de atender 1382 visitantes, o que supón un incremento de 120 persoas con respecto ao mesmo mes do 2021.
O edil de Turismo celebrou “uns datos extraordinariamente bos, que amosan o interese que espertan os atractivos da Estrada xa non só dentro das nosas fronteiras, senón en todo o mundo”.
A Oficina de Turismo da Casa das Letras recibiu 142 turistas en agosto, máis do doble ca os atendidos no mesmo período do ano anterior. A maioría dos visitantes chegados ata a oficina foron madrileños (19), seguidos de cataláns (17) e, en terceiro lugar, galegos (16).
Seguíronlle os procedentes de Andalucía, Comunidade Valenciana e o País Vasco. Fóra das nosas fronteiras, chegaron turistas principalmente desde Francia e Arxentina.
A meirande parte dos/as visitantes afirmaron visitar A Estrada atraídos pola súa oferta cultural, pola súa natureza a través das rutas de sendeirismo ou de espazos naturais como as fervenzas ou as praias fluviais do municipio, pola gastronomía ou o Pazo de Oca.
O atractivo do “Versalles galego” reflexouse un mes máis nos datos rexistrados no Punto de Información Turística ubicado no seu aparcadoiro. Durante todo o mes de agosto recibiu un total de 1240 visitantes, 40 máis ca os que se rexistraron no 2021. A maioría deles chegaron desde diferentes puntos de Galicia, Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. En canto aos visitantes europeos, procederon principalmente de Francia e, en menor medida, de Italia, Alemaña e Portugal, aos que se lle sumaron outros turistas chegados dende Arxentina, EEUU, México e Venezuela.
En canto aos datos de todo o verán, o Departamento de Turismo anunciou que durante os meses de xullo e agosto pasaron polas dúas oficinas estradenses 2544 turistas na procura de información. Gran parte deles escolleron os aloxamentos rurais estradenses para descansar durante a súa estancia. Tamén se aloxaron en concellos próximos á Estrada como Silleda, Boqueixón ou Vila de Cruces, e outros moitos escolleron Santiago de Compostela ou zonas das Rías Baixas.
A partir do 1 de setembro só permanece aberta a Oficina de Turismo da Casa das Letras, que ofrecerá os seus servizos ata o vindeiro 30 de outubro co seguinte horario: de martes a venres, de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas; sábados de 9.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas; e domingos de 11.00 a 13.30 horas.