As patoloxías infantís e a nutrición centran a VII Xornada provincial de Enfermidades Inflamatorias Intestinais de ASSEII

adminON
Lectura mínima de 4

O Pazo da Cultura acolle o evento que se celebrará o vindeiro sabado 8 de xuño e que reunirá a pacientes,  coidadoras/es e profesionais sanitarios.  

Dixestivo do CHUP fai o seguimento de máis de 1.700 pacientes e diganostica 120 novos casos cada ano: un  de cada dez a menores de 15 anos. 

O Pazo da Cultura acolle o vindeiro sábado 8 de xuño a VII Xornada provincial de Enfermidades Inflamatorias  Intestinais (Crohn e colite ulcerosa), dirixida a pacientes, coidadoras/es e profesionais, e aberta tamén -se  quedan prazas- a familiares, estudantes e persoas interesadas nas EII. É unha xornada informativa e formativa,  declarada de interese científico-sanitario pola Consellería de Sanidade.  

A xornada está organizada por ASSEII- Asociación socio sanitaria enfermidades inflamatorias intestinais e  ostomizados e conta coa colaboración, entre outros, do Concello de Pontevedra. Hoxe a presidenta e  vicepresidente de ASSEII, Ánxela Paz García e Vítor Loira, acompañados pola concelleira de Benestar Social,  Anabel Gulías, presentaron a sétima edición dunha xornada, convertida nunha cita anual obrigada para  coñecer os avances na investigación e a actualidade das enfermidades inflamatorias intestinais.  

A concelleira agradeceu a ASSEII, unha das asociacións do terceiro sector máis activa da cidade, o seu  traballo “de acompañamento, de pór recursos ao servizo dos enfermos/as e de reivindicación, tan necesaria  para reforzar o sistema público de saúde”. Anabel Gulías puxo o foco nun labor que “dá resposta e apoio  cando se diagnostica unha enfermidade, neste caso unha EII, que nos diferenza dos demais, que é un ataque  á liña de flotación da vida” .  

Enfermidades inflamatorias en Pediatría, alimentación, protocolos de urxencias sanitarias e enfermidade  crónica e de atención domiciliaria para alumnado con EII, investigación xenética e a cronicidade da  enfermidade inflamatoria intestinal son os temas que se abordarán nunha intensa sesión de traballo que se  estenderá de 9.30 a 13.45 horas.  

Desta relación de temas a presidenta de ASSEII, Ánxela Paz, destacou “a importancia de visibilizar as patoloxías  infantís e a necesidade dun plan de atención integral para os menores con enfermidade inflamatoria  intestinal“ que acelere o diagnóstico e dea soporte ás distintas necesidades.  

Incidencia  

Nos últimos anos detectouse un aumento do número de casos de EII e cada vez en idades máis temperás. O  Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) fai o seguimento a  arredor de 1.700 pacientes, dos que un 60% son enfermos de Chron e o 40% de colite ulcerosa. Cada ano  diagnostica unha media de 120 novos casos de EII e 1 de cada dez son en menores de 15 anos.  

Pola súa banda, o vicepresidente de ASSEII, Vítor Loira, destacou a importancia da alimentación nas persoas  con EII, a necesidade de dispor de dietas individualizadas e que contribúan a mellorar e manter a mellor  calidade de vida posible. Neste eido avogou pola creación dunha Unidade de Nutrición especializada en EII  no Servizo de Dixestivo do CHUP.  

Distintos especialistas falarán dos últimos avances en investigación, das pautas máis acaídas de coidados e do  que supón convivir cunha enfermidade crónica con derivadas físicas, mentais e sociais. Entre os relatores  atópase Roberto Díaz Peña, doutor en Bioquímica e investigador do Grupo de Xenómica do Instituto de  Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) que lidera Ángel Carracedo. 

Comparte este artigo