OS SEUS CONCURSOS MORFOLOXICOS TIVERON LUGAR HOXE NO MARCO DESTE CERTAME MULTISECTORIAL, EN CUXA EXPOSICIÓN SE PODEN VER ESTES ANIMAIS ATA O VINDEIRO DOMINGO
A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra desde hoxe ata o domingo, foi esta mañá marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).
En canto aos concursos das bovinas, participaron máis de 70 exemplares de 19 ganderías galegas en cinco concursos morfolóxicos. No XII da Raza Cachena o primeiro posto foi para Truana IV, de Finca A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña), o segundo para Truana II, de Rosa Fernanda García e Manuel Sieira, de Outes (A Coruña), e o terceiro para Britania, de Cachenas de San Breixo, de Triacastela (Lugo).
No XI da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, de Roberto Lago, de Outes (A Coruña), mentres que o segundo conseguiuno Vivi, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense) e o terceiro recaeu en Vendima, tamén de Roberto Lago, ao igual que a campioa.
En canto ao X de Caldelá, gañou Cebada, de Alejandro Salvatierra, da A Pontenova (Lugo), sendo o segundo posto para Cuca, de Lembraeco S.C, de Palas de Rei (Lugo) e o terceiro para Cativa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense).
No IX Concurso Morfolóxico da Limiá, o pódium estivo composto por Lagoíña, de Gandería Balín, de Verea (Ourense); Llama, de Gandería Costoya, de Mesía (A Coruña) e Lágrima, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no VII da Frieiresa a campioa foi Xaquira de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), a subcampioa foi Carmiña, de Gonzalo Seoane, de Villalba (Lugo) e a terceira Xesta, tamén de Roberto Louzán, do mesmo xeito que a gañadora.
En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 10º Campionato Galego, no que participaron 150 exemplares adultos de 23 criadores de distintos puntos de Galicia. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de José Luis Freire, de Pol (Lugo), o segundo un de José Zapata, de Castro de Rei (Lugo) e o terceiro un de Sandra López, de Láncara (Lugo).
De forma individual, en galos venceu un exemplar de María Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña), seguido dun de Iván Potel, de Valga (Pontevedra) e outro de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). En galiñas, o pódium foi, de primeira a terceira, para animais de Óscar Rodríguez, Carmen Fernández e Álvaro Rodríguez, todos eles de Mos.
As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a quinta edición da súa competición, con trinta exemplares de nove criadores. En canto ao da Ovella Galega, centrado en femias maiores de 24 meses, o primeiro posto foi un animal de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), o segundo para un de Sandra López, de Láncara (Lugo) e o terceiro para un de “Finca a Tellada”, de Nogueira de Ramuín (Ourense). Respecto ao de Cabra Galega, no que tamén competiron femias maiores de 24 meses, venceron, de primeiro a terceiro, exemplares de Dolores García, de Toques (A Coruña), de María Teresa López, de Cerdido (A Coruña) e de Granxa Teixeiro e Pistón, de Becerreá (Lugo).
En canto ao VIII Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou con 60 animais de 25 ganderías das catro provincias galegas. Na categoría de machos venceu un de Carmen García, de Vila de Cruces (Pontevedra), seguido dun de José Vega, de Castro de Rei (Lugo) e doutro de Carmen Jacobo, de Agolada (Pontevedra). En femias reprodutoras a vencedora foi unha porca propiedade de Lembraeco, de Palas de Reis, o segundo para un exemplar de Raquel Méndez, de O Barco (Ourense), e o terceiro para un de Óscar Santos, de Friol. En canto a recría, os premiados foron, de primeiro a terceiro, un exemplar de Diego Díaz, de Lugo; outro de Fernando López, de Mondoñedo (Lugo), e un terceiro de Víctor Piñeiro, de Cospeito (Lugo).
Respecto ao Cabalo de Pura Raza Galega, levarase a cabo o seu concurso morfolóxico o vindeiro sábado, tamén no marco da feira.