HomePontevedraO SalnésAs reunións veciñais convocadas polo BNG constatan o abandono ao que somete...

As reunións veciñais convocadas polo BNG constatan o abandono ao que somete Telmo Martín ás parroquias de Sanxenxo

- Anuncio -spot_img

A falta de limpeza e mantemento de espazos públicos, a ausencia de servizos básicos como a conciliación ou a supresión de prazas de estacionamento son algúns dos temas que preocupan á cidadanía, especialmente no rural

Os nacionalistas cargan contra o alcalde, a quen acusan de ignorar as demandas de centos de veciños e veciñas para continuar coa súa política de cemento e formigón

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo fai un balanzo moi positivo da resposta que obtiveron por parte da veciñanza as reunións convocadas ao longo dos últimos tres meses nas diferentes parroquias do municipio. Desde principios abril, cunha primeira cita en Vilalonga, ata a pasada semana, pechando na Revolta, os concelleiros, concelleiras e dirixentes do grupo da oposición levaron a cabo encontros abertos en cada parroquia, vila e lugar para coñecer de primeira man os problemas, inquedanzas e necesidades da cidadanía. O responsable local, Adrián González, sinala que “unha das cousas que sacamos en claro destas reunións é o estado de abandono no que se atopa o rural de Sanxenxo”. Esta foi unha das queixas que se repetiu de xeito sistemático en cada un destes encontros. “Foi unha constante. A palabra ‘abandono’ é a que máis se repetiu entre a xente, o que demostra ás claras como o Goberno de Telmo de Martín ignora á veciñanza do rural”, critica González. A maior parte destas queixas centráronse na falta de limpeza e mantemento de espazos públicos, así como no mal estado que presentan numerosas pistas e camiños de titularidade municipal. “Son lugares nos que na maioría dos casos lévase sen actuar desde hai máis de 20 anos, o que demostra a deixadez do Partido Popular”, denuncia o BNG.

A infradotación de servizos de primeira necesidade é outra das eivas detectadas polo BNG no rural. Un exemplo moi claro é a ausencia do Plan Concilia nas parroquias. Adrián González recorda que a raíz da denuncia pública realizada polo Bloque sobre esta carencia, o Partido Popular ampliou o servizo de conciliación a Noalla, algo que “é un paso, pero insuficiente para as necesidades de moita xente, que precisa de poder conciliar a súa vida familiar e laboral noutros núcleos do rural”.

Precisamente, un dos aspectos máis positivos destas reunións é que as demandas ás que o BNG dá voz serven para que reaccione o alcalde, ao menos en parte. “É unha mágoa e un exemplo de ineficacia de xestión que o señor Telmo Martín só saiba dar resposta ás necesidades da xente cando nós o denunciamos. Non fai máis que ir a rebufo, pero iso demostra o vital que resulta o noso labor de fiscalización”, apuntan desde o Bloque. Isto foi o que ocorreu, precisamente, coa ludoteca de verán de Noalla, anunciada despois das queixas recollidas polo BNG, ou a retirada dos postes na estrada da Arnosa, unha situación que perduraba desde hai moitos anos e sobre as que o Goberno do PP non actuou ata que o BNG tomou nota das queixas dos e das residentes.

Ausencia de transporte

Os problemas derivados da ausencia de transporte público é outro motivo de preocupación nas parroquias de Sanxenxo. Neste aspecto, o responsable local do Bloque advirte de que “en practicamente todas as reunións que mantivemos saíu a relucir esta preocupación por parte da veciñanza”. Faise necesaria unha liña de transporte público diario, que facilite ás persoas que non dispoñen de medios propios para desprazarse a realización de diferentes xestións no centro, como facer compras ou acudir ao Centro de Saúde.

A supresión de prazas para estacionar tamén preocupa á veciñanza, como se puido comprobar nas reunións celebradas en Portonovo e Sanxenxo. A política de formigón de Telmo Martín levou a destruír varios espazos para estacionar a través da reforma do Mirador da Peixeira en Portonovo, obra que non contaba co visto bo de numerosos veciños e veciñas. Por se fose pouco, a implantación, sen previo aviso, de zona azul en varias rúas dos dous núcleos principais do concello tamén afoga ás persoas que non dispoñen de prazas de garaxe ou que teñen que vir ata a vila para traballar no verán. Esa xestión de cemento, despilfarro de recursos e o aumento de impostos foron outras das queixas recollidas nestas reunións, que serviron tamén para que o BNG pudiese expoñer as súas ideas e fórmulas de traballo, que consisten en ir da man da cidadanía para intentar que se da resposta as súas inquedanzas.

Ante a boa resposta en xeral, desde o Bloque teñen previsto retomar estas reunións no futuro, para “facilitar ás persoas que nos trasladen as súas demandas, porque nós escoitamos e intentamos poñerlle solución, cousa que Telmo Martín non fai”. Neses futuros encontros tamén dará conta o BNG das xestións feitas para que esas demandas se fagan realidade.

Publicacións Relacionadas