- As cámaras para o control de tráfico instaladas polo Concello no casco histórico da vila rexistraron un total de 50.979 vehículos en 20 días. Entre todos os vehículos que circulan por esta zona restrinxida detectáronse 9.247 matrículas diferentes. A cifra é moi superior ao volume de residentes estimado na casco histórico.
- Os dispositivos instaláronse na praza da Constitución, rúa Prata, Pai Crespo e Campo das Redes para verificar que só circulan os coches autorizados. O acceso está permitido para os residentes do casco histórico, e tamén poden circular os servizos públicos e emerxencias, ademais das operacións de carga e descarga.
O Concello de Redondela traballa na reordenación do tráfico no casco histórico da vila. A restrición do tráfico nesta zona busca “mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños e veciñas, fomentar a sostibilidade e preservar o patrimonio histórico”. De feito, as restricións de tráfico comezaron xa en 2012, pero ata o de agora o sistema presentaba moitas eivas. Os incumprimentos das limitacións no caso histórico son moi frecuentes, o que supón un grave prexuízo para o patrimonio e unha inseguridade para os peóns.
Para facer do casco histórico unha zona máis accesible e segura instaláronse cámaras de control do tráfico, ás que teñen acceso os corpos e forzas de seguridade. Para unha xestión máis eficiente da circulación as cámaras están situadas nos puntos do casco vello que recomendou o estudo da Policía Local: praza da Constitución, rúa Prata, rúa Pai Crespo e Campo das Redes. Os dispositivos identifican as matrículas dos vehículos para verificar que só circulan os que están autorizados. Nos primeiros vinte días de funcionamento rexistraron case 51.000 vehículos (50.979), o que fai unha media de 2.500 coches ao día. Desde o Concello de Redondela advirten que “este elevado volume de tráfico resulta incompatible coa conservación do patrimonio e a seguridade da veciñanza e dos peóns”.
Entre todos os vehículos que circularon por esta zona restrinxida no prazo de vinte días detectáronse 9.247 matrículas diferentes. A cifra é moi superior ao volume de residentes estimado na casco histórico.
Nun principio as cámaras están a funcionar en probas. Previamente á súa entrada oficial en funcionamento, informarase á cidadanía.
O acceso está permitido para os residentes e propietarios de inmobles no casco histórico. Do mesmo xeito poden circular os vehículos de servizos públicos e emerxencias, así como as operacións de carga e descarga. Desde o Concello sinalan que este novo sistema evitará que as persoas non residentes circulen polo casco histórico, o que reducirá dun xeito moi significativo o tráfico. As cámaras servirán para previr o estacionamento indebido e axudarán a que as rúas sexan máis seguras. Os dispositivos terán tamén un efecto disuasorio ante actos incívicos que ocasionan molestias aos residentes. No caso de áreas delicadas, as cámaras axudarán a protexelas e, no caso de rexistrarse algún problema, a axuda chegará antes xa que estarán conectadas á policía.