O programa RedeVerde organiza percorridos guiados por dous espazos emblemáticos: o ENIL da Xunqueira de Alba e o río Gafos.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto RedeVerde Pontevedra, impulsado polo Concello, continúa achegando a natureza á cidadanía cunha nova actividade: as “Rutas Ambientais”, un programa de paseos guiados por espazos naturais do municipio que buscan fomentar a conexión coa contorna, a educación ambiental e o goce responsábel da biodiversidade local.
As actividades están pensadas para todos os públicos, con percorridos de dificultade baixa, adaptados a familias e persoas con mobilidade reducida.
A primeira das propostas será este venres, 14 de novembro, en horario de —de 10:00 a 12:00 horas— e os días 15 e 16 de novembro, con diferentes quendas de mañá —de 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas—. Estas rutas discorrerán polo Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba, un enclave situado a tan só dez minutos a pé do centro da cidade, onde as especies autóctonas e a fauna silvestre están a recuperar o seu antigo fogar.
As marismas, na desembocadura dun río Rons, acollen aves limícolas e migratorias, libélulas e diversas especies de anfibios. O percorrido permitirá observar a fauna, camiñar entre sendeiros e pontes de madeira e conectar cun espazo en pleno proceso de renaturalización, que simboliza a convivencia entre a cidade e a natureza.
A segunda actividade celebrarase os días 22 e 23 de novembro, tamén en horario de 10:00 a 12:00 e de 12:00 a 14:00 horas. Neste caso, as rutas percorrerán a contorna do río Gafos, un auténtico tesouro ambiental que nos transporta a tempos pasados, cando os ríos eran lugares de encontro, traballo e vida comunitaria.
A restauración e recuperación deste tramo urbano inspiran hoxe unha nova ollada cara aos ríos como espazos de convivencia, aprendizaxe e colaboración entre persoas e natureza.
Ambas rutas constitúen unha oportunidade para recoñecer o valor ambiental e social dos espazos naturais urbanos, fomentando a sensibilización, o respecto e a responsabilidade compartida co territorio. RedeVerde continúa así o seu labor de educación e sensibilización ambiental, achegando á cidadanía experiencias que combinan aprendizaxe, lecer e compromiso co futuro sostible do Concello coa cidade de Pontevedra.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/
1FAIpQLSeuV7M0LJvP1EdxawFQ-VvRUTHyzRORkgs4XXgPZevUpBWSlw/viewform
O proxecto é promovido polo Concello de Pontevedra, apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU e coa colaboración da Universidade da Coruña como entidade agregada.



