Home A Paradanta A Cañiza As subvencións Ágora 2021 permitirán recuperar máis de 13.000 M2 de espazo...

As subvencións Ágora 2021 permitirán recuperar máis de 13.000 M2 de espazo público para as persoas gañándollo aos coches no Condado-Paradanta

- Anuncio -

O deputado Uxío Benítez anuncia a aprobación de máis de 2,2 millóns de euros en axudas para 39 concellos da provincia en Xunta de Goberno da Deputación este venres

A presidenta Carmela Silva subliña a “complicidade” dos concellos para aplicar os principios Ágora e destaca que moitos dos proxectos do ReacPon serán realidade co modelo de mobilidade provincial

As ‘Subvencións Ágora 2021’ permitirán recuperar preto de 100.000 metros cadrados de espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Así o anunciou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen deu a coñecer que a Xunta de Goberno deste venres aprobará axudas a 39 concellos da provincia por valor de máis de 2,2 millóns de euros para executar proxectos e obras que permitirán incrementar de forma notoria o espazo peonil existente nas vilas e transformar a provincia seguindo un modelo de calidade urbana.

Acompañado da presidenta Carmela Silva, Benítez deu conta hoxe das subvencións. Subliñou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións deste 2021 para incentivar a redacción de proxectos e execucións de obras seguindo as filosofías de poñer ás “persoas primeiro”.

As subvencións Ágora chegarán a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartiranse 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.

Todos eles cumpriron os criterios de incrementar máis dun 50% o espazo peonil existente e crear zonas exclusivas para os peóns de máis de 300 metros, de feito, os números multiplicáronse e unha vez que se executen os proxectos do Eixo 1 obteranse máis de 82.300 metros cadrados para as e os peóns, o que supón un incremento do 231,65% no ámbito de actuación. No caso do Eixo 2, gañaranse 13.702,43 metros cadrados para as persoas, un aumento do 176,90%.

Como conclusión e dato máis simbólico o deputado de Mobilidade destacou que unha vez executados os proxectos subvencionados por Ágora a provincia vai ter case 100.000 metros cadrados gañados de espazo público para as persoas “grazas a este pequeno impulso encarnado na Rede Ágora de subvencións de 2,2 millóns de euros”. “Esa é unha consecuencia que buscaba a “Rede Ágora, incentivar aos concellos para crear espazos para as persoas”, destacou.

No Condado-Paradanta, recibiron subvención do Eixo 1 -50.000 euros- os concellos de Ponteareas, para a recuperación da contorna da Praza de Bugallal e da Casa do Concello; AS Neves, para o acondicionamento da Praza de Santa María de Liñares; Mondariz, para a humanización das prazas de España e Domingo Blanco e a rúa Ramón y Cajal; Mondariz Balneario, para a recuperación do espazo da contorna dos hoteis; A Cañiza para a humanización da rúa Antonio Facorro; e Salvaterra para a humanización da rúa Marqués de Viana; e no Eixo 2, o Concello de Covelo (86.131,79 euros) para a implantación de corredores verdes. En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora preto de 13.000 metros cadrados de espazo público.

Ágora, base dos proxectos financiados na liña 3 do ReacPon
Carmela Silva puxo moi en valor a complicidade dos concellos “que se suman ao cambio con valentía para transformar” o que fai que Pontevedra sexa “unha provincia referencia na recuperación do espazo público posto que ningunha outra ten un proxecto tan potente como o noso”. A presidenta provincial destacou que “nos últimos seis anos fomos capaces de cambiar o modelo de vilas, pobos e cidades, de facer entender que transformar significa mellorar a vida da xente, o que se fai dun xeito particular coa recuperación do espazo público”. Para Silva “recuperar o que é noso” favorecerá a todas as persoas e beneficiará especialmente ás crianzas, persoas maiores e mulleres.

Ademais, subliñou, “somos unha gran referencia en cumprimento da Axenda 2030, en todo o que ten que ver cos Next Generation e coas dez políticas panca do Goberno do Estado. Creo que estamos incluso un paso por diante porque nós centrámonos en recuperar o espazo público entendéndoo como un dereito fundamental”. De feito, o fincapé por devolverlle ás persoas os lugares que lles foron arrebatados fai que “a provincia está irrecoñecible pero a finais de 2023 o cambio vai a ser tan transcendental que seremos o exemplo a seguir”. Carmela Silva destacou tamén que “moitos dos proxectos do ReacPon e do Plan Concellos van na liña de cumprimento dos principios Ágora, o que permitirá que se cumpran os datos de recuperación do espazo público” que se esperan acadar.

Seguindo estas palabras, o deputado Benítez insistiu en que ás subvencións Ágora para a redacción de proxectos servirán de base para execución as reformas urbanas que se executarán grazas á liña 3 do ReacPon. Explicou que ao seren avisados con tempo, os concellos sabían que na convocatoria de axudas de Ágora debían apostar pola redacción de proxectos, para así telos listos para as novas axudas do plan de reactivación da provincial. Insistiu en que moitos dos proxectos subvencionados por Ágora poderán optar a axudas de fondos europeos como o IDAE ou tamén doutras institucións.

Relacionadas

O Concello de Redondela solicita á consellería do Medio Rural a xestión da biomasa

0
-O Concello de Redondela solicitou o pasado mes de marzo á Dirección Xeral de Defesa do Monte as inspeccións oportunas nas faixas secundarias de...

Récord de participación no X Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade

0
Celebrarase sábado e domingo no pavillón de deportes de Valença con máis de 400 persoas en competición en cada xornada. A Eurocidade confírmase coma...

A mocidade tomiñesa apúntase aos bailes de serán

0
A OMIX de Tomiño organiza un obradoiro no que aprender as primeiras nocións do baile popular galego A mocidade tomiñesa lánzase a bailar. A OMIX...

Obradoiros de tempada para achegar o Mercado de Tomiño á veciñanza

0
A Asociación de Praceiros e Praceiras pon en marcha unha programación trimestral coa que dinamizar a praza de abastos e poñer en valor os...

O británico Tom Glendenning ilustrará este sábado o recinto do skate park de Covelo...

0
A obra "Hai dous futuros" chamará a actuar contra a emerxencia climática tras ser unha das gañadoras do Concurso de Murais "People & Planet"...

Maceira, Covelo, celebra o seu entroido este sábado

0
Será a partir das 17:30 horas cun desfile individual e por grupos, o concurso de baile, batalla de globos xigantes e merenda A parroquia de...

Publicacións Relacionadas