Un grupo de mulleres da parroquia mosense de San Rafael uníronse para levar a cabo un proxecto tan orixinal como cheo de espírito comunitario: a creación dunha gran árbore de Nadal de gancho, elaborado de forma totalmente artesanal e colaborativa.
A iniciativa partiu dunha veciña, Bely, que tivo a idea e se puxo en contacto con outras residentes da zona e coa asociación veciñal, que lles cedeu o local para poder traballar. Ademais, difundíronse circulares polas caixas de correo convidando a todas as persoas da contorna a participar: as que sabían facer gancho puideron colaborar na confección, mentres que outras veciñas e veciños aportaron doazóns económicas para sufragar os materiais.
En total, utilizáronse máis de 200 madeixas de la, entre as compradas e as moitas que foron doazóns da veciñanza, o que permitiu confeccionar arredor de 950 cadrados de gancho cos que se cubriu a estrutura do enorme abeto, de 5 metros de altura e 7 de circunferencia.
O proxecto inclúe tamén paquetes de agasallos, bastóns decorativos para os focos do xardín, bonecos de neve e mesmo un tren de agasallos, combinando madeira e gancho, todo feito a man con moito agarimo e ilusión.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo felicitar persoalmente ás impulsoras e colaboradoras desta iniciativa, destacando que “proxectos como este son un reflexo do mellor da nosa xente: a creatividade, a solidariedade e a unión veciñal. En San Rafael volveron demostrar que cando se traballa xuntos, Mos brilla con luz propia”.
Este traballo colectivo é un exemplo de creatividade, cooperación e espírito de comunidade, e reflicte o compromiso das veciñas e veciños de San Rafael por encher de cor e calor o Nadal en Mos.



