«Estamos a abandonar á rapazada á súa sorte?»: Meaño lánzase a reconectar ás familias fóra das pantallas cun pioneiro Pacto Familiar
A Asociación Avante, os centros educativos e as ANPAs de Meaño presentan este venres 13 de marzo o programa preventivo “Familias Reconectando nun Clic”.
Máis de 30 familias xa se uniron no novo ‘Pacto Familiar’ para facer fronte á presión social e garantir o benestar dixital e emocional dos menores.
Durante o acto de presentación desvelaranse os resultados dunha enquisa inédita sobre a realidade dos dispositivos móbiles no alumnado do IES de Meaño e dos CEIP As Covas e Coirón
O programa inclúe obradoiros e asesoramento, campañas de sensibilización e un compoñente final que implica as accións levadas a cabo polo Pacto Familiar e os centros escolares.
Meaño, martes 10 de marzo de 2026
A crecente dependencia das pantallas desde idades cada vez máis temperás mobilizou á comunidade educativa de Meaño. A Asociación Avante —con máis de tres décadas de experiencia na prevención de condutas aditivas— uniu forzas co IES de Meaño, os CEIP As Covas e Coirón de Dena, e as súas respectivas asociacións de nais e pais para lanzar o programa “Familias Reconectando nun Clic”. A iniciativa presentarase de forma oficial este vindeiro venres, 13 de marzo, ás 19:00 horas no Centro Social e Cultural de Dena.
Este programa de prevención dixital está dirixido a familias e o obxectivo principal é claro: educar, protexer e concienciar sobre a saúde dixital nun momento no que o uso da tecnoloxía parece escapar ao control dos adultos.
A iniciativa xorde ante a crecente preocupación polo impacto que o abuso das pantallas pode ter na infancia e na adolescencia e pola situación na que se atopan as familias que queren educar os seus fillos no mundo dixital.
«Hai unha preocupación moi grande, como o manifestan organizacións como a Organización Mundial da Saúde (OMS), UNICEF, a Fundación ANAR, todas as Sociedades Médicas, o Colexio Oficial de Psicólogos de España, INCIBE ou a Asociación Española de Pediatría, compartida tanto polas familias como polos centros e a nosa entidade, polo impacto negativo que o abuso das pantallas está a ter nos nenos e adolescentes», explica Óscar Páramos Domínguez, psicólogo da Asociación Avante.
Ao ser preguntado polas consecuencias directas desta sobreexposición, o experto é contundente: «Como indican os informes, as investigacións e as entidades que traballan na protección da saude dixital dos menores e observamos no noso día a día vemos uso problemático de internet, redución das horas de sono, deterioro da capacidade de atención, unha alarmante redución no desenvolvemento de habilidades sociais e a exposición a contidos inapropiados en videoxogos e internet, entrada en problemas de xogo a través das apostas online e o impacto das redes sociais que teñen nos rapaces. Non podemos esquecer que os algoritmos están deseñados especificamente para establecer dependencia desde que son moi pequenos».
O nacemento do “Pacto Familiar”
A presión que sofren os pais e as nais á hora de educar e restrinxir o uso do móbil é un dos maiores obstáculos á hora de establecer límites. Os datos nacionais apoian esta percepción: segundo o INE, o uso de internet supera o 99 % entre os mozos maiores de 16 anos, pero xa alcanza o 96 % na franxa de 10 a 15 anos.
«Tras máis de dez anos traballando nas aulas, detectamos unha falta de formación, pero, sobre todo, un forte illamento naquelas familias que si desexan educar e protexer dixitalmente aos seus fillos, manifestan a súa angustia porque séntense solos, indefensos e uns “bichos” raros por querer protexelos », reflexiona Páramos. «A presión social é enorme cando case toda a rapazada ten xa o seu propio dispositivo. Isto ten que facernos pensar: Que estamos a facer coa educación dixital dos nosos fillos? Estamos a facer algo ou simplemente os estamos a deixar á súa sorte?».
Como resposta a esta pasividade estrutural, o programa impulsou o seu eixo central: o Pacto Familiar. Este grupo, no que xa participan máis de 30 familias da zona, nace co compromiso de crear un entorno dixital seguro. A meta non é a prohibición absoluta, senón buscar un equilibrio saudable entre as experiencias en liña e a vida presencial (fóra de liña).
Unha radiografía local da realidade dixital
O programa “Familias Reconectando nun Clic” desenvolverase a través de tres vías de actuación (que se presentarán no acto): unha fase formativa con obradoiros e asesoramento directo, unha campaña de sensibilización visual , e as accións coordinadas que levarán a cabo os colexios e os membros do Pacto Familiar.
Ademais, a xornada de presentación deste venres garda un elemento de especial interese para a comunidade local: a publicación das conclusións dunha enquisa realizada directamente ao alumnado de 5º e 6º de primaria e aos estudantes de 1º a 4º da eso do instituto.
«Estes datos vannos proporcionar unha imaxe nítida e real de como os nosos nenos e nenas se relacionan cos dispositivos dixitais hoxe en día», conclúe o psicólogo de Avante, animando a toda a veciñanza a asistir e participar neste movemento de desconexión estratéxica para unha mellor reconexión familiar.



