HomePontevedraAvanza a bo ritmo a obra de recuperación do Gafos na rúa...

Avanza a bo ritmo a obra de recuperación do Gafos na rúa Ponte Nova, que poderá estar rematada a primeiros de novembro

- Anuncio -spot_img

O concelleiro Xaquín Moreda visitou esta mañá o desenvolvemento dos traballos e comprobou que xa está demolida a edificación e achantados as dúas novas áreas de lecer nesta ribeira esquerda do río.

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda visitou o desenvolvemento dos traballos de mellora da senda do Gafos á altura da Ponte Nova. Trátase da incorporación dunha parcela na que se derrubou un antigo lavadoiro e a transformación deste espazo en zona verde de lecer e estancia para mellora do barrio.

O remate da obra está previsto para dentro dunhas tres semanas segundo adiantou Xaquín Moreda. Explicou que “os muros están feitos” e aclarou que son de man de obra de canteiros de Pontevedra -da parroquia de Verducido, en concreto- que empregaron a técnica de xunta seca na súa elaboración, e o resultado “o aspecto é moi tradicional e moi galego”.

As obras pendentes son a consolidación da rampla de xabre e a incorporación de terra vexetal e céspede na bancada máis próxima á canle do Gafos.
“En principio, esta obra non é millonaria como estamos facendo outras en Pontevedra. É unha obra de menos custo, pero co mesmo valor social porque vai crear unha zona de esparexemento e vai mellorar o espazo público neste barrio”, indicou Xaquín Moreda.

Esta mellora na parte baixa do río Gafos supón intervir nun espazo de preto de 170 m2, dos cales 94 m2 estaba ocupado pola edificación ruinosa, que hai décadas era usada como lavadoiro e que non tiña valor patrimonial ou arquitectónico. A intervención inclúe o seu derrube e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo accesíbel para goce da veciñanza ou dos paseantes que se acheguen até alí.

A empresa GPD Construcciones S.L. é a encargada de realizar a obra que ten un custe de 43.439 euros. O proxecto recibiu unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia de 38.687,78 euros incluída dentro da liña para a aplicacións de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos.

Publicacións Relacionadas