Nas últimas semanas procedeuse ao desbroce e retirada de maleza nas marxes de varias pistas nas parroquias de Godos, San Andrés e Carracedo
O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que o Goberno local incrementou nun 40% o orzamento destinado a este contrato, cunha contía que ascende a 90.000 euros, IVE engadido
O Concello de Caldas de Reis está a acometer nestas semanas a segunda quenda de traballos de limpeza e posta a punto de vías situadas nas diferentes parroquias do rural do municipio. A empresa responsable desta actuación vén de rematar a limpeza e retirada de restos en Godos.
Ademais, tamén se actou xa en San Andrés e Carracedo. Está previsto que nas vindeiras xornadas se actúe en pistas de Santa María de Bemil. Tal e como recorda o alcalde, Jacobo Pérez, estas tarefas lévanse a cabo de xeito programado, se ben é certo que nalgunhas ocasións dáselle prioridade a núcleos e lugares, en función de necesidades. “Hai que ter en conta que nestas datas en varias parroquias celebran as súas festas, polo que se prioriza que os espazos estean listos neses lugares”, indicou Pérez Gulín.
Cómpre lembra que este ano é o primeiro no que este zafarrancho de posta a punto de pistas, a través dos preto de 70 quilómetros cadrados dos que consta o municipio caldense, se leva a cabo en dúas quendas anuais. Ata o de agora, os traballos se levaban a cabo unha vez ao ano.
Porén, o Concello decidiu sacar a licitación un novo contrato para reforzar este servizo no rural, incrementando o orzamento ata os 90.000 euros, o que se traduce nun 40% que contías anteriores. “Isto nos permite realizar dúas pasadas anuais e facilita ter as pistas nas mellores condicións, dando resposta ás demandas dos veciños e veciñas da vila”, sinalou o alcalde.
Cómpre lembrar que a primeira destas ‘pasadas’ levouse a cabo durante as semanas previas á primavera. Actualmente, o Concello estima que os traballos desta segunda batería de limpeza estarán rematados aproximadamente nun mes, sempre e cando as condicións metorolóxicas así o permitan. Para iso, faise uso de vehículos especializados, incluído un tractor para desbroces nas marxes das pistas. Os operarios proceden a retirar maleza, ramas de árbores e outros restos, ben de xeito manual ou coa utilización de camións e palas. O alcalde incide na importancia destas tarefas, xa que axudan a garantir o bo estado das vías e das cunetas, o que facilita unha maior seguridade tanto para peóns e viandantes, así como para os condutores. O Goberno local consideraba prioritario o reforzo deste servizo, xa que, dada a ampla extesión de territorio do municipio, non era posible acometer estes traballos contando unicamente co equipo de operarios municipais.