Avanzan a bo ritbo as inscricións das actividades para persoas maiores promovidas pola concellería de benestar social

Redacción

A día de hoxe xa son preto de 400 os veciños e veciñas que se anotaron entre as máis de 20 propostas que forman parte dunha programación que comezará a vindeira semana e se estenderá ata xuño de 2027

Ademais das actividades habituais, como os talleres de memoria ou a ximnasia de mantemento, están tendo moito éxito novidades como ‘Kaldas Fomenta’, as técnicas textís contemporáneas ou ioga

A vindeira semana darán comezo as primeiras actividades do programa impulsado polo Concello de Caldas de Reis, a través da Concellería de Benestar Social e do Maior, para persoas da terceira idade. Entre octubre e xuño desenvolveranse máis de 20 propostas de todo tipo. A partires do luns 19 de outubro comezarán as sesións acuáticas terapéuticas, ximnasia de mantemento, os ciclos de andainas, o club de lectura, as técnicas textís contemporáneas, obradoiros de cestería e ‘Kaldas Fomenta’, unha iniciativa novidosa que mistura agricultura tradicional, benestar e o fomento das conexión interxeracionais, e que xa tivo unha primeira convocatoria o pasado día 1, cunha visita ás instalacións de Iberluffa, e que resultou todo un éxito.

As anotacións para tomar parte nas iniciativas, das cales a maioría se levarán a cabo nas dependencias do Fogar do Maior, avanzan a bo ritmo. A día de hoxe xa hai preto de 400 persoas inscritas e o número previsiblemente se incrementará de xeito notable, xa que aínda quedan pendentes anotacións de veciños e veciñas que participan cada ano nalgunha destas propostas. O Concello de Caldas de Reis remitiu hai xa varias semanas unha carta informativa a este sector da poboación para informarlle de todas as actividades que se porán en marcha. As reservas de prazas poden realizarse no propio Fogar do Maior. Para a resolución de dúbidas pódese enviar un correo electrónico á dirección de correo electrónico fogardomaior@caldasdereis.gal ou chamar aos números de teléfono 637214864 ou 986540523.

O 75% das persoas inscritas son mulleres. As actividades que contan cunha maior demanda son a ximnasia de mantemento, pilates e natación, seguidos moi de preto polas sesións vencelladas a novas tecnoloxías e os obradoiros de memoria. Con respecto ás novidades deste curso, as que están espertando un maior interese son, ademais de ‘Kaldas Fomenta’, as sesións de ioga e as técnicas textís contemporáneas. Entre os e as participantes figuran veciños e veciñas de idades de ata 92 e 93 anos (ambos forman parte dun dos grupos do obradoiro de memoria). Ademais de todas estas propostas, desde a Concellería de Benestar Social lémbrase que o Fogar do Maior tamén permanece aberto durante as tardes das fins de semana (de 17.30 a 20.30 horas en invierno e de 18.30 a 21.30 horas no verán). Nesa franxa horaria hai a disposición de usuarios e usuarias xogos de mesa, pasatempos e lectura de prensa. O alcalde, Jacobo Pérez, recorda que a apertura do Fogar do Maior, en novembro do ano pasado, deu resposta a unha demanda histórica e “confirmouse como un punto de encontro de referencia para as persoas da terceira idade. Como o seu propio nome indica, máis ca un local de actividades, é un lugar no que queremos que a xente se sinta acompañada e cómoda como na súa propia casa”.

Comparte este artigo