• A empresa adxudicataria, COVSA, xa procedeu á dotación de novos servizos básicos e mellora do pavimento no lugar de Saíñas
• A actuación, que aposta pola renovación de servizos, a mellora sostible e o reforzo da seguridade viaria, conta cun orzamento próximo ao millón de euros e se financia a través de fondos da Deputación de Pontevedra
Os concelleiros responsables das áreas de Obras e Servizos Municipais e de Urbanismo e Promoción Económica, os socialistas Julio Casás e Gregorio Agís, inspeccionaron este luns o avance dos traballos que se están a acometer actualmente no lugar de Saíñas, na parroquia de San Salvador, e que corresponden ao proxecto de rehabilitación integral que o Concello está a desenvolver neste núcleo, e que se ampliará proximamente tanto a Portosanto como á Puntada. Esta actuación servirá para dotar de novos servizos a unha das zonas de referencia da localidade, ademais de apostar pola mobilidade sostible e universal e a recuperación do núcleo tradicional, seguindo, deste xeito, coas pautas establecidas polo Plan de Mobilidade aprobado polo Goberno local neste mandato.
Agís e Casás puideron constatar o bo avance no desenvolvemento da obra, que está sendo executada pola empresa Construcciones y Viales SA (COVSA) e que conta cun orzamento total de 937.752,60 euros, financiados a través da Deputación de Pontevedra, cun 80% correspondente ao programa ReacPon e o 20% a outros fondos provinciais.
Logo do inicio da actuación a finais do pasado mes de xullo, a día de hoxe xa se procedeu á dotación e renovación de servizos básicos na zona de Saíñas, onde se está a proceder tamén a habilitar un novo pavimento de maior calidade co anterior, que presentaba un importante deterioro. Tal e como sinalaron os concelleiros de Obras e de Urbanismo, a realización dos traballos supón a necesidade de realizar cortes de tráfico nalgunhas zonas, nas que só se permite o tránsito a residentes ou a usuarios e usuarias da Escola Infantil de Saíñas. “Somos conscientes das molestias que este tipo de obras poden provocar, polo que agradecemos a comprensión e a paciencia das persoas residentes”, indican os concelleiros, que lembran que semanas antes do inicio da actuación realizáronse reunións informativas coa veciñanza para explicar os pormenores da obra.
Deste xeito, o Concello está a facer realidade un dos proxectos máis importantes no que vai de mandato no que á mellora de mobilidade, seguridade peonil e dotación de servizos se refire. A previsión é que, se non se producen contratempos, a actuación estea finalizada ao longo da primavera do vindeiro ano. “Suporá unha espectacular transformación da contorna e, sen dúbida, mellorará de xeito ostensible a calidade de vida da veciñanza de San Salvador”, finalizan Agís e Casás.



