O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 270.000 euros, ten un prazo de execución de tres meses e súmase a outros xa realizados ou en execución, cun importe total que supera o millón de euros
O alcalde, Jacobo Pérez, visitou os traballos e lembrou que a posta en marcha desta infraestrutura, que dará servizo a máis de medio milleiro de veciños e veciñas, supón un paso máis á hora de dotar e garantir prestacións básicas no rural
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, visitou este martes as obras de construcción da futura Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Fieitoso, na parroquia de Carracedo. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento que ascende a 270.302,75 euros, IVE engadido, e que se financia a través de fondos propios, con parte do Remanente de Tesourería correspondente ao exercicio de 2024. A posta en marcha desta infraestrutura supón, tal e como indica o propio rexedor, “un paso moi importante á hora de continuar incrementando e consolidando a dotación de servizos básicos no noso rural, algo que é unha prioridade para este Goberno”.
A empresa adxudicataria, Excavaciones y Construcciones Manuel Portela, comezou as obras hai poucas semanas, logo de que a mellora das condicións meteorolóxicas así o permitise. Tal e como consta no proxecto, o prazo de execución da actuación é de tres meses, polo que o Concello confía en que, se non se produce ningún imprevisto, a EDAR xa estea traballando a pleno rendemento no inicio do segundo semestre de 2026. A estación depuradora garantirá o tratamento de augas residuais a veciños e veciñas dos lugares de Cortiñas, Casalderrique e
O Gorgullón, ademais do Fieitoso. En total, prestará servizo a máis de medio milleiro de usuarios e usuarias. Jacobo Pérez puido comprobar en primeira persoa o bo ritmo ao que se están a desenvolver as obras, que nestas primeiras semanas centráronse fundamentalmente na excavación e movemento de terreas e á dotación do tendido de tubaxes e de liñas de condución eléctrica. Todos estes pasos son imprescindibles para iniciar a construción da infraestrutura principal. O proxecto contempla, asemade, a pavimentación e asfaltado na contorna.
O alcalde de Caldas de Reis incidiu na importancia deste proxecto, non só polo servizo directo que prestará a centos de veciños e veciñas de Carracedo, senón tamén porque, unha vez en marcha, permitirá continuar coa dotación da rede de sumidoiros na parroquia. Neste sentido, Jacobo Pérez lembrou que desde a súa chegada á Alcaldía en decembro de 2024 o Concello levou a cabou, ou ten en execución, proxectos de dotación e ampliación de servizos básicos no rural cun investimento total que supera o millón de euros, ben sexa a través de fondos propios ou doutras administracións. “Garantir estas prestacións é sinónimo de garantir tamén unha maior calidade de vida para a xente do rural”, afirmou Pérez Gulín, que lembra que entre eses proxectos está a ampliación da EDAR de Baltar ou a mellora de redes de saneamento e abastecemento en Godos, Saiar ou San Clemente. Por último, Jacobo Pérez adiantou que o Goberno local ten sobre a mesa a posta en marcha de máis traballos e proxectos nas parroquias do rural, para atender demandas e necesidades “que a propia veciñanza nos traslada”.

