A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, Laura Senlle, e a enxeñeira municipal Raquel González visitaron hoxe as obras do proxecto “Espazo verde municipal no Polígono Empresarial de Veigadaña orientado a atenuar o efecto illa de calor urbano”, unha actuación que supón a recuperación dun espazo degradado, actualmente en desuso, para transformalo nunha área verde ao servizo dos usuarios do polígono e da veciñanza.
O proxecto ten como obxectivo crear un espazo de esparcemento e descanso próximo ao polígono industrial, pensado para o desfrute dos traballadores das empresas da contorna e en conexión cunha área xa existente de descanso para peregrinos do Camiño de Santiago.
A intervención conta cun orzamento de 52.283,51 euros, dos que o 80% (41.826,81 €) está financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia a través do programa Galicia Refuxio Climático, mentres que o Concello de Mos achega o 20% restante.
Estratexias innovadoras e actuacións previstas
A iniciativa busca desenvolver infraestruturas verdes piloto para mellorar a biodiversidade, recuperar un espazo natural degradado e deseñar paisaxes máis resilientes, incorporando ferramentas innovadoras de xestión sostible. Entre as actuacións previstas destacan a limpeza e recuperación do terreo mediante roza, poda e eliminación de vertidos; refino e planeo do camiño, con apertura de cunetas e compactación da zona verde de esparcemento; sendeiro iluminado con balizas solares que garanten un consumo 100% renovable; instalación de mesas, bancos e papeleiras de madeira, respectuosos co entorno; plantación de árbores e especies autóctonas, que proporcionarán sombra e favorecerán a biodiversidade.
Segundo a alcaldesa Nidia Arévalo, “este proxecto é un exemplo de como Mos aposta pola recuperación de espazos degradados, converténdoos en áreas verdes que melloran a calidade de vida da veciñanza e tamén do noso tecido empresarial”. Tamén engadiu que “a Veigadaña vai demostrar que mesmo en espazos industriais se pode crear un refuxio climático que reduza emisións, mellore o aire e ofreza un lugar de descanso”.
As obras teñen como prazo de execución o 17 de novembro de 2025, cando se prevé que este novo espazo verde estea xa dispoñible.

